A recollida de voluminosos en vías de solución

A recollida de voluminosos en vías de solución

02 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O problema da recollida de voluminosos de Fene xa ten visos de solución. Tras unha reunión dos concelleiros de servizos da Mancomunidade optouse pola proposta máis ventaxosa, a empresa Urbaser farase cargo dos enseres. Agora a última decisión téñenna os alcaldes para decidir se están dacordo ou tomarán medidas de presións ou instarán á xunta para buscar unha saída á problemática.

A negativa de Sogama de acoller os voluminosos de todos os concellos provocou buscar unha saída provisional para os meses de verán. Comezado o mes de setembro, había que buscar unha solución definitiva. Os concelleiros de servizos da Mancomunidade mantiveron unha xuntanza para analizar as ofertas. Segundo explicou para Radiofusión, o concelleiro de Obras e Servizos de Fene, José Antonio López, acordaron a oferta máis ventaxosa coa empresa Urbaser. Aínda que se baixaron os prezos iniciais das empresas de recollida, co contrato con Urbaser pagaráse o dobre do que se abonaba con Sogama.

Catro concellos veciños, como San Sadurniño, Valdoviño, Neda e Narón acordaron construir nunha parcela do polígono Río do Pozo un punto limpo para acoller os enseres. En Fene, o acordo con Urbaser, se chega a bo porto, será duradeiro, non só ata decembro como se pensaba. Agora serán os alcaldes da Mancomunidade os que teñen a última palabra. Os voluminosos permaneceron nas rúas de Fene durante dúas semanas pois os dous camións contratados para o verán non daban abasto con todo. Non foi un problema de concienciación da cidadanía, sinala López.

Coa entrada en funcionamento da nova empresa manteráse un teléfono gratuíto, un 900 para que os veciños chamen o día anterior á recollida. O servizo realizaráse como antes da medida de Sogama. Os voluminosos depositaránse un día determinado en cada parroquia, e os camións pasarán un día por cada unha delas. Comunicaráse aos veciños toda a información e incluso levarase a cabo un buzoneo polas casas.

Sociedade