Reconfortante toparme co galego no ámbito académico

Reconfortante toparme co galego no ámbito académico
11 de Maio, 2020 - 10:18 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos coa profesora Delia Vázquez, alumna do profesor Ricardo Carvalho Calego nas aulas da Universidade de Santiago, entre 1969 e 1972.

ESCOITA O PODCAST:

“Tanto pelexamos porque lle adicasen o Dia das Letras Galegas, e esta pandemia anulou case todas as actividades programadas para divulgar a súa figura” É o primeiro que sinte a profesora, xubilada, do IES Concepción Arenal de Ferrol, Delia Vázquez. Ela foi alumna de Ricardo Carvalho Calero na Universidade de Santiago, nos cursos de Literatura Románica, entre os anos 69 e 72. “Encontrarme co Galego no ámbito académico foi moi reconfortante” sinala Delia Vázquez quen nos fala nesta entrevista sobre o carácter serio do profesor e do seu amplo coñecemento da literatura universal que facía as súas clases moi amenas. Sobre a obra de Carvalho, Vázquez refírese á Gramática de 1965 e á Historia da Literatura Galega (1963) como obras de referencia.

En relación coa obra creativa en poesía, novela e teatro, pensa que tivo menos difusión e recoñecemento. “O premio a Scórpio (Sotelo Blanco 1987)  foi para el moi importante. En 1988 convidámolo ao instituto con ese motivo” conta Delia Vázquez, quen o reivindica como defensor da normalización da nosa língua recuperando os seus valores xenuínos e reprocuce as palabras do profesor: “Que o galego non sexa unha língua en obxección de conciencia” Vázquez aclara que hai moita obra sobre Carvalho Calero pero a obra propia súa está esgotada porque as editorias que a publicaban desapareceron. Ela mesma anda na procura de dúas obras que non atopa: Cantigas de amigo e outros poemas e Reticências. 

“O achegamento á obra orixinal do autor é o máis interesante para coñecelo” defende Vázquez, quen non se conforma con reducir a súa homenaxe nas Letras Galegas de 2020 ao acto central da Academia no teatro Xofre-con ser este importante, sinala-. A RAG reunirase en outubro para valorar se amplía a celebración ao ano próximo. Tanto a profesora ferrolá como moitas entidades desexan que a adicatoria do Día das Letras Galegas se amplíe ata maio de 2021.

 

(Na imaxe, Don Ricardo co  daquelas estudante de Filosofía, Antón Baamonde. Acto nos anos 80)

Cultura

Publica o teu comentario agora