A reforma de Damanaki esperta un clamor en contra no sector pesqueiro galego

A reforma de Damanaki esperta un clamor en contra no sector pesqueiro galego

17 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Máis de 10.000 postos de traballo poderían estar en xogo en Galicia, que posúe case a metade da frota pesqueira do Estado, segundo os cálculos da Federación Española de Pesca. Sería o peor resultado dunha reforma da Política Pesqueira Común que non atendese ás necesidades do sector galego. E iso, precisamente, é o que estaría a piques de se producir se prospera a proposta adiantada pola comisaria europea do ramo,

As organizacións ecoloxistas aplauden que dende a Unión Europea se pretenda comezar xa en 2015 cunha xestión a longo prazo dos recursos pesqueiros, pero demandan que a reforma sexa máis ambiciosa para frear un modelo de explotación que consideran “insostible”. Entre outras cuestións, quéixanse de que as concesións para faenar duren 15 anos e coidan que o recoñecemento dun mercado de cotas pode supor unha “privatización” dos mares.

Porén, tanto dende as asociacións de pesca como dende os estamentos políticos galego e español coidan que se alguén pode estar satisfeito, eses son os ecoloxistas. A ministra de Medio Mariño, Rosa Aguilar, recoñeceu a súa “preocupación” polo deseño de Damanaki e afirmou que a delegación estatal traballa xa nun documento común coas autonomías que presentará o martes no Consello de Ministros de Pesca. Ademais, avanzou que buscará o consenso na réplica con Portugal e Francia. Aguilar defendeu que a “sustentabilidade” debe ser a “seña de identidade” da xestión dos mares, pero non só dende o punto de vista medioambiental, como aposta o documento da Comisión, senón tamén “económico e social”. A ministra pensa que cómpre “aclarar moito o tema dos descartes” e cualifica de “imposible” a data de 2015 para aplicar a reforma nos termos propostos. A oferta coñecida provócalle “desazón”, recoñeceu.

Reaccións en Galicia

En termos moi semellantes manifestouse a conselleira de Mar da Xunta, Rosa Quintana, quen acompañará a Aguilar en Bruxelas como representante das Comunidades Autómas. Sucederá así logo de que, a proposta da Comunidade de Madrid, que tiña este semestre a representación en materia de Pesca, o Consello Consultivo aceptase “por unanimidade” que sexa Galicia quen exerza de portavoz. Quintana sostén que a oferta de María Damanaki “non é unha verdadeira reforma”. Formulou múltiples queixas: que o documento non menciona a pesca artesanal e o marisqueo; que o rendemento máximo sostible non ten en conta as diferentes frotas e especies; que a supresión dos descartes esquece as pesquerías multiespecíficas; e que ao impedir o comercio de cotas entre frotas de diferentes Estados membros convértese á pesca nunha “excepcións” nas políticas comúns europeas. Mais sobre todo, Rosa Quintana asegura que posúe datos científicos que acreditan que a poboación de especies “está en índices mellores do que se comenta”. Nestes termos, a reforma “será un tsunami” para a flota galega, agoira.

A voceira de Pesca do PSdeG, Marisol Soneira, criticou en Radiofusiòn que Damanaki esta máis preocupada pola “extinción” dos peixiños que pola dos propios traballadores e traballadores do mar. Tamén salientou que en ningún lugar do documento se fai fincapé no papel da muller no traballo da pesca. Finalmente, Soneira asegurou que “mentres o Goberno central reúne a tódolos grupos no Congreso para acadar consenso nas demandas das reformas, a conselleira de Marquere ir ela soa”.

“Temos que ter veto e voto na aplicación da política pesqueira”, reclama o BNG, que vén de anunciar o inicio inmediato dunha rolda de contactos coas entidades do sector para fixar unha postura galega contra o que cualifican de “atentado á nosa capacidade produtiva”. O deputado nacionalista Bieito Lobeira salienta que “Galicia é a nación máis dependente da pesca de toda a Unión Europea” e por iso “ten dereito” a participar na definición do seu marco co resto de Estados. Asegura que o proxecto da Unión pasa por liquidar a frota de Galicia e que a preservación do medio natural está a ser empregada como unha “coartada”. Lobeira afirma que, malia o que a Xunta manifeste cara fóra, a proposta da Comisión recolle o modelo do Partido Popular.

A proposta Damanaki

A reforma do marco pesqueiro comunitario orbita arredor dun concepto: explotar os bancos de peixe nun rendemento máximo sostible xa dende 2015. Isto ratifica a crenza da comisaria grega Damanaki de que existe sobrepesca no mar e que os stocks perigan pola gran tamaño e eficiencia dunha flota pesqueira europea que debe minguar en número.
Así as cousas, a Comisión formula unha xestión da pesca apoiada en plans plurianuais para cada pescaría e non por poboacións individualizadas de peixe. Demándase un maior rigor científico para establecer as cotas consonte a criterios técnicos e non por negociación política e priviléxiase sempre, en caso de dúbida, a conservación do ecosistema.

Entre os aspectos máis sobranceiros da reforma está o obxectivo do “descarte cero”, isto é, a obriga de que os barcos leven a porto todo o peixe que recollen, sen devolver ao mar exemplares mortos nin pezas que poñan en risco o cumprimento do total admisible de capturas.

Ademais, dáselle o visto bo aos dereitos individuais transferibles ou ITQ, o intercambio de cotas de pesca que tan só se poderían realizar entre armadores dun mesmo Estado membro e nunca entre varios países. Ficaría fóra dese mercado de cotas a frota de baixura, para cuxa faena se reserva unha faixa de 12 millas. No que atinxe aos dereitos de pesca, a Comisión formula que as concesións se fagan por períodos de 15 anos e poidan ser revogadas en caso de infraccións graves.

Sociedade