Rematado o proxecto: Ferrol en Feminino

Rematado o proxecto: Ferrol en Feminino

18 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde, Vicente Irisarri e a concelleira de Muller, Beatriz Sestayo, presentan esta tarde a publicación “Ferrol en Feminino: mulleres na historia da cidade”, nun acto que se celebrará ás 19.00 horas na Casa da Muller. A publicación enmárcase dentro do proxecto “Ferrol en Feminino”, un ambicioso programa que ten como obxectivo facer visible a contribución das mulleres que fixeron cidade. Nel implicáronse máis de 300 mulleres d

Publicación

O libro serve para agradecer a todas aquelas mulleres que deixaron pegada na nosa historia aportando a súa valentía, xenerosidade e intelixencia. Son centos de lembranzas achegadas por unha sociedade viva que afortunadamente se nega a esquecer, para render unha homenaxe a tantas mulleres que foron protagonistas no desenvolvemento da cidade.

“Ferrol en Femenino” descubre que a historia de Ferrol non só se escribe en masculino. En total son 283 mulleres as que aparecen reflexadas neste proxecto, pero tamén diversos colectivos: porteadoras, carboneiras, nodrizas, augadoras ou lavandeiras, entre outras. Todas elas sumamente importantes pola súa achega humana e social á Historia da cidade. “Ferrol en Feminino” comezaba a desenvolverse en outubro do 2007 en colaboración co movemento asociativo de mullerese coas vogalías das entidades veciñais a través dos obradoiros “Xuntas facemos memoria” e “Do feminino singular ao feminino plural”.

En total foron 28 sesións de traballo e 310 mulleres as que tomaron parte no proxecto nas Asociacións Veciñais de Ferrol Vello, Asociación de Mulleres Amistad; Asociación de Mulleres de Caranza, Asociación de Amas de Casa, Asociación de Mulleres Rurais de Esmelle e a Casa da Muller. Así mesmo, o labor completouse coa recollida de información e a propia investigación da historia de moitas mulleres a través de fontes tanto escritas como gráficas e mesmo orais. A edil Beatriz Sestayo agradeceu a colaboración económica da anterior Xunta de Galicia que contribuíu a sufragar os gastos de contratación do equipo técnico que guiou o proxecto.

Exposición

Este incluiu así mesmo unha exposición que, baixo o mesmo título, iniciou unha itinerancia por diferentes centros educativos da cidade despois da súa inauguración na Casa da Muller.
Entre as mulleres reflexadas na mostra están a científica Ángeles Alvariño -a primeira muller investigadora a bordo dun buque británico-, a cantante de ópera que triunfou en Europa e América, Carolina Casanova, as bandoleiras Andrea e Rosa Montero, que formaron parte da cuadrilla de bandoleiras de Valdoviño na segunda década do século XIX, ou Amada García, condenada a morte baixo a acusación de revolucionaria, de exaltar ás masas e de comunista. Concepción Arenal, a máis coñecida, socióloga e ensaísta ou Mela “A Carboeira”, “A Tocha”, (muller que aseaba a roupa dos mariñeiros)

Roteiros turísticos.

Todas elas forman parte tamén dos dous roteiros turísticos que recollen os itinerarios vitais onde viviron. O primeiro dos itinerarios iníciase en Ferrol Vello, no peirao de Curuxeiras, e remata na rúa Real tras descubrir, nunha viaxe a través do tempo, a presenza das mulleres nas casas, as rúas, as escolas e os teatros, xunto ao río e no mar, e paseando polos lugares que percorreron e encheron cos seus pasos, as súas voces, risas ou cancións. Así, recupera a memoria das carboeiras ou lavandeiras. A segunda das rutas iníciase na rúa Concepción Arenal e finaliza no barrio de Esteiro. Segundo avanzou a concelleira Beatriz Sestayo, a intención é facer reais estes roteiros para que os cidadáns e cidadás os percorran e se acheguen deste xeito á vida destas mulleres.

Sociedade