Renovación total da rede de saneamento de San Pablo

Renovación total da rede de saneamento de San Pablo

13 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri ven de supervisar as obras de sustitución da rede de Saneamento do barrio de San Pablo. Unhas obras orzamentadas en máis de medio millón de euros e que contan dun prazo de execución de seis meses. Os traballos inclúense no Plan E do Goberno Local. A barriada das vivendas sindicais de San Pablo conta cunha forte problemática social e deterioro.

Os traballos de mellora consisten na construcción dunha nova rede de saneamento de tipo separativo. Renovarase totalmente a rede e  procederase á instalación de novos colectores de xeito que se forme unha rede separativa de pluviais e fecais. Asemade realizaranse as acometidas domiciliarias para a súa conexión e se instalarán novos sumidoiros para a recollida das augas pluviais nos viais existentes. O proxecto tamén inclúe o levantado do firme e a súa reposición así como a dos pavimentos das beirarrúas afectadas polos traballos.  Coincidindo coa substitución da rede de saneamento, o Concello decidía acometer outra obra incluída no marco dos FEIL, dentro do proxecto de Restauración de Viais Urbanos. Concretamente, a reurbanización da rúa central do barrio, a Carballo, na que se está a substituir o firme, ademais de mellorar a rede de sumidoiros existente. Con estes traballos preténdese pór fin ás continuas avarías por rotura das tuberías que se viñan sucedendo nos últimos tempos. Uns atrancos  motivados polo mal estado e a antigüidade dos tubos e tamén polas condicións da súa instalación.

Sociedade