Renovando a rede

A actuación no Camiño do Sartego contempla un investimento de preto de 135.000 euros
05 de Setembro, 2019 - 01:22 h. | Publicada por Radio Fene

Fene renova a rede de abastecemento de auga, saneamento e aglomerado no Camiño do Sartego –dende a Avenida Naturais ata o Camiño de Casanova.

Fene iniciou esta mañá as obras de renovación da rede de abastecemento de auga, saneamento e aglomerado no Camiño do Sartego –dende a Avenida Naturais ata o Camiño de Casanova- e a pavimentación da rúa Fontenova– entre o Museo do Humor e ata o propio Camiño do Sartego-. A actuación contempla un investimento total de preto de 135.000 euros e financiarase con cargo a fondos procedentes da Deputación provincial da Coruña e fondos propios.

Ata o momento, o camiño do Sartego conta cunha rede unitaria de saneamento –que conduce as augas residuais e pluviais-. Entre setembro e novembro de 2015, a empresa concesionaria do servizo de augas levou a cabo diversas inspeccións da rede de alcantarillado no treito comprendido entre a Avenida Naturais e o camiño de Casanova, constatando o seu deterioro, que deriva en filtracións, afundimentos e danos no firme. Como solución, o Concello renovará a rede de abastecemento de auga; procederá á reposición do colector de saneamento sito no Camiño do Sartego e, tamén, ao desdobre con novas redes de saneamento separativas, unha para augas residuais e outra para pluviais. Ademais, pavimentarase todo o camiño.

De igual xeito, e dado o estado actual de parte da rúa Fontenova (dende o Museo do Humor ata Camiño do Sartego), outra intervención contempla a reposición do pavimento existente mediante mistura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada, así como a execución dun paso transversal para peóns sobreelevado. O Concello viuse obrigado a realizar un complementario de ata 48.000 euros –que se sumaron aos case 87.000 euros previstos para as obras- para contemplar a renovación deste servizo.

Obras que se realizarán con cargo a fondos municipais e evitarán que, ante novas roturas da rede, se teña que volver a levantar un aglomerado novo.

Institucional

Publica o teu comentario agora