Reparto de novas máscaras solidarias

Reparto de novas máscaras solidarias
17 de Abril, 2020 - 10:16 h. | Publicada por Radio Fene

Fene reparte novas máscaras entre a poboación máis vulnerable, proporcionadas pola asociación de Amigos do Sahara. Enviaranse a cada domicilio mediante Correos un total de 6.000 proteccións a todas as persoas maiores de 60 anos e a rapazada de entre 3 e 12 anos. A empresa pública colabora coa iniciativa realizando o reparto de balde. A entidade de amigos do pobo saharaui cobrará unicamente os custes de materiais dado que as máscaras son elaboradas por persoas voluntarias.

ESCOITA O PODCAST:

A asociación de Amigos do pobo saharauí,  coa que o concello de Fene colabora no programa “Vacacións en paz”,  ofreceu máscaras elaboradas por persoas voluntarias e homologadas polo SERGAS para repartir entre a poboación máis vulnerable. Por suposto, informa a concelleira de Persoal e Seguridade de Fene, Sandra Permui, que as aceptaron e empezarán a repartirse entre a veciñanza que ten maior risco de contaxio por padecer determinadas doenzas ou entre as persoas maiores de 65 anos. O concello reservará unha parte delas para os nenos e nenas que probablemente cando saian á rúa terán que levalas por precaución durante un tempo. Estas últimas estarán deseñadas con debuxos para que o tomen como un xogo e non como un castigo. “ Estas máscaras están moi ben feitas, levan uns filtros lavables e están homologadas pola Xunta de Galicia” aclara Sandra Permui. Outra medida adoptada é o reparto de libros e material escolar entre as familias que non teñen conexión a internet e deben afrontar o último tramo do curso escolar con libros, fotocopias e todo tipo de material que comezará a distribuir desde o colexio O Ramo de Barallobre.

Quedar na casa

Sandra Permui, como responsable da policía local, advírtenos que se nota nos últimos días unha relaxación das instrución dadas á poboación para quedar na casa e saír o mínimo posible. Nótase esa relaxación no aumento do numero de persoas na rúa ou de vehículos nas estradas. A policía municipal de Fene presentou 23 propostas de sanción entre 130 persoas identificadas e 503 vehículos interceptados. Permui rogou a través dos micrófonos de Radio Fene que a xente siga respectando as normas da alarma sanitaria porque “xa queda pouco e entre todos temos que colaborar” animou.

Os voluminosos

Por último, soubemos que se reanuda a recollida de voluminosos que estivo paralizada unhas semanas. Segundo explica a tenente de alcalde, esa interrupción debeuse ao peche da planta de reciclaxe que agora volve a estar en funcionamento. A limpeza das rúas é moi importante e por iso o concello de Fene botou man do seu camión limpa- contedores que se revela como moi útil, ademais de para o seu cometido, para a limpar marquesiñas, bancos ou as entradas de supermercados e farmacias. Estes días ademais conta Fene de novo coa colaboración de Infantería de Mariña para a desinfección das rúas.

Institucional

Publica o teu comentario agora