Retirada de vexetación nos muros do castelo dos Andrade

Retirada de vexetación nos muros do castelo dos Andrade
27 de Setembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Pontedeume destinará 34.364 euros do Plan Único (POS+2019) da Deputación ao financiamento das obras de conservación do Castelo dos Andrade, un dos emblemas monumentais do municipio que data do século XIV. Retirarase a vexetación nos muros e mellorarase a seguridade nas escadas exteriores e interiores.

Castelo dos Andrade. Nogueirosa. Pontedeume

Estas obras de mellora do propio edificio e da súa contorna enmárcanse na aposta do Goberno local pola revaloración deste emblema monumental de Pontedeume, que data do século XIV , segundo explicou o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández,  que destacou que os traballos que agora saen a licitación únese a outras accións levadas a cano nos últimos anos coma a instalación de mesas interpretativas, a elaboración de material informativo turístico, a sinalización de roteiros peonís, ademáis da organización de andainas que se estiveron a realizar durante os últimos meses cunha gran afluencia de participantes.

Todas estas iniciativas reflíctense nos máis de 5.000 visitantes que acudiron ao monumento este verán, superando as cifras do ano pasado, afirmou o rexedor, que detallou que a as novas accións de conservación financiadas pola Deputación  da Coruña consistirán na retirada da vexetación existente nos muros de todo o conxunto e o seu posterior tratamento, así como o mantemento e melloras de seguridade das escaleiras de acceso exteriores e interiores.

Ademáis da limpeza e e retirada da vexetación que crece nos torreóns e os muros do Castelo, as obras incluirán a reposición dalgúns elementos danados coma pasamáns e madeiras interiores, así como a limpeza perimetral da maleza e do camiño de acceso ao inmoble.

O importe para a realización desta actuación ascende aos 34.364 € e o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o día 1 de outubro na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Cultura

Publica o teu comentario agora