Retrospectiva de Maruxa Mallo, a gran transgresora da Xeración do 27

Retrospectiva de Maruxa Mallo, a gran transgresora da Xeración do 27

14 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A pintora Maruxa Mallo protagoniza a exposición que se amosa na Fundación Caixa Galicia de Vigo. A mostra reúne, ata o próximo día 10 de xaneiro, 142 pezas que conforman a maior e máis exhaustiva retrospectiva dedicada á gran transgresora da xeración do 27. Amósanse os últimos estudos sobre a súa obra e ponse en valor o traballo de Maruxa Mallo.

A directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, na presentación da exposición, lembrou que a autora foi inxustamente valorada, ensombrecida polo seu doloroso exilio e, seguramente tamén, por ser unha muller adiantada ao seu tempo. Tras a súa volta á terra, xa viña coa súa traxectoría artística. Tiveron que transcorrer 16 anos dende a súa exposición antolóxica no CGAC para que agora saia á luz esta mostra con pezas practicamente descoñecidas. 

Segundo explicou esta mañá en Radiofusión, a responsable da mostra, Rosario Sarmiento, se racha tamén co tópico de encaixar só a Maruxa Mallo como unha pintora surrealista. A súa obra é máis complexa, que se plasma nas dez salas cun percorrido pola súa traxectoria. 

Os visitantes poderán ver a súa etapa formativa onde xa amosaba unha gran perfección técnica. Logo chega a súa época máis colorista con obras como “As Verbenas”, “O Mago” ou unha das obras que marcarían a súa carreira “A Cabra”. Tras estas dous percorridos se contemplará xa a súa faciana máis surrealista.

Mallo, levou a cabo unha longa evolución fóra do mundo surrealista. Amosou un profundo interese por Torres García e a preocupación pola figura humana. De aí, a súa etapa das Máscaras ata aterrar ao seu período máis xeométrico. Un paseo cronolóxico na que se descubre que o seu apartado surrealista se circunscribe a unha etapa moi pequena, afirma Sarmiento.

Unha artista moi persoal, traballadora e estudosa do seu arte, amais de contar cunha gran personalidade e ser unha adiantada ao seu tempo. Recuperánse para esta singradura pola obra de Mallo pezas de coleccións privadas, como un boceto dunha cara descoñecida para o público. 

O seu director de proxectos, Xosé Luis García Canido, recordou que aínda que na partida de nacemento de Maruxa Mallo figura a data do 5 de xaneiro de 1902, ela dicía que nacera en 1909, polo que esta mostra pode ser considerada como unha homenaxe no centenario do seu «outro» nacemento. Como muller coqueta quitábase anos e estaría encantada desta homenaxe. Tamén se está a traballar nun catálogo, unha escolma da exposición e nun documental da súa obra.

A figura de Maruxa Mallo e o gran labor de comisariado que hai detrás, augura o éxito desta exposición de gran nivel. Podese visitar na Fundación Caixa Galicia de Vigo ata o dez de xaneiro.

Cultura