Revisión parcial do Plan de Urbanismo para facilitar a construcción

O Concello de Fene favorecerá a construción de vivendas unifamiliares
20 de Outubro, 2020 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

O Goberno local de Fene contratou recentemente os traballos técnicos que permitirán levar a cabo unha revisión parcial do actual planeamento urbanístico, de cara a crear cinco novas zonas de núcleo rural en Magalofes, Sillobre e Maniños. De cumprirse as previsións en canto a exposición pública e tramitación plenaria, a medida na que traballa a Concellaría de Urbanismo podería entrar en vigor nun prazo duns 18 meses. Na práctica, esta modificación pretende desbloquear a posibilidade de novas construcións unifamiliares neses puntos en espera de avancen os traballos de elaboración do novo PXOM de Fene, que xa acumula varios anos de retraso. Urbanismo encarga tamén un estudo de detalle para unificar as aliñacións no Camiño do Regueiro.

A Concellaría de Urbanismo traballa na creación de cinco áreas de solo de núcleo rural: tres en Magalofes, unha en Sillobre e outra en Maniños. Dase a circunstancia "paradóxica" de que dous dos núcleos de Magalofes son chan urbano desde 1975, "pero nunca tiveron esta característica ni por servizos públicos, nin por tipoloxía da vivenda, nin polo uso da terra". Ademais, os outros tres núcleos que se proporán delimitar -Lubián (Sillobre), Piñeiro (Maniños) e O Feal (Magalofes)- están cualificados como solo rústico apto para urbanizar onde, na práctica, non se pode construír. Segundo explica o titular da área, Manuel Polo: "O Concello leva coa revisión do PXOM máis dunha década. É un proceso longo e dificultoso que se está demorando pola súa propia complexidade técnica, pero tamén por numerosos atrancos, cambios normativos e, por que non dicilo, tamén por causa da inestabilidade política que viviu Fene  durante os últimos anos. Por iso, mentres non se clarifique o contido do novo planeamento, é urxente levar a cabo cambios parciais que resolvan o problema de moita xente que quere construir, para que poidan facelo sabendo a que aterse e con garantía de que van contar con todos os servizos". A delimitación destas cinco áreas de solo de núcleo rural implica levar a cabo novos traballos cartográficos e de planimetría -encargados á empresa Arqyur S.L. por un improte de 12.000€ máis ive-, así como a obtención do visto bo de diferentes organismos autonómicos e estatais.

A modificación do planeamento precisará, ademais, a aprobación plenaria e a correspondente exposición pública para que a veciñanza con predios afectados poida formular as alegacións que estime oportunas. Estímase que tanto a parte técnica como legal poida completarse nun período aproximado de 18 meses, tralos cales "poderán saír adiante numerosas demandas de vivenda nestes núcleos". Tal e como sinala o concelleiro de Urbanismo, "con esta aposta trátase de adecuar a realidade desas zonas á lexislación urbanística. Ademais, a delimitación de núcleos resultante trasladarase ao novo PXOM, que marcará o deseño e o desenvolvemento de Fene durante, polo menos, os próximos 15 ou 20 anos".

Estudo de detalle no Camiño do Regueiro

Por outra banda, a consultora urbanística Arqyur tamén recibiu a encomenda de preparar a documentación do estudo de detalle que permitirá harmonizar as aliñacións na rúa Camiño do Regueiro, que comunica San Valentín co límite de Neda. Grazas á cesion voluntaria da maioria das propiedades, a mediados dos anos 90 o camiño ampliouse con firme aglomerado e cunha anchura de 11 metros, o que permitiu o seu uso continuado como principal vía de comunicación entre o barrio máis poboado de Fene e a estrada AC-115. Na actualidade as súas marxes están edificadas en máis dun 65% con licenzas concedidas polo consistorio nos últimos 20 anos. Coa mellora das ferramentas de medición e de axuste das planimetrias oficiais á realidade, o Concello observou unha descompensación entre as aliñacións reais e as oficiais do PXOM. O estudo de detalle corrixirá esas diferenzas facendo unha nova aliñación dos planos tomando como referencia os peches e as vivendas existentes neste momento. A actualización das medidas servirá para ordenar toda a vía e simplificará a planificación futura de servizos que discorran polas súas beiras, como por exemplo beirarrúas ou sendas peonís.

Institucional

Publica o teu comentario agora