A revista Retranca, especial visita do Papa, secuestrada pola imprenta

A revista Retranca, especial visita do Papa, secuestrada pola imprenta

26 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O número de revísta Retranca que estaba a piques de saír, e tiña como tema central a próxima visita do Papa a Galicia, acaba de ser secuestrado pola imprenta. Os propietarios da empresa Imprenta Jiménez Godoy, radicada en Murcia, néganse a entregar os exemplares da revista para a súa distribución, aducindo o seu desacordo moral co contido da mesma. Presentaráse publicamente o vindeiro sábado en Pontevedra.

Nunha conversación telefónica mantida con Kiko da Silva, director de Retranca, o dono da Imprenta Jiménez Godoy explicou que a revista, aínda que xa estaba impresa e lista para o envío á distribuidora, non se ía entregar porque a empresa que dirixe estaba en total desacordo "co ataque ao Papa e á Igrexa". É a primeira vez que unha imprenta, cun traballo xa impreso e cun contrato polo medio, decide unilateralmente non entregar a publicación alegando a súa desconformidade cos contidos da mesma. Retranca deixa claro que foi a imprenta a que acudiu á revista para ofrecerse a imprimir a publicación, sabendo dabondo que se trata dunha temática satírico-política.

Desde Retranca queren tranquilizar aos lectores anunciando que o número secuestrado está a imprimirse xa noutra imprenta e que chegará aos quioscos en breve.

Estudan cos seus avogados as posibeis medidas contra os danos e prexuízos causados polo incumprimento de contrato da Imprenta Jiménez Godoy.

Retranca é unha revista galega de humor satírico que leva nos quioscos desde o ano 2007 e que o vindeiro sábado día 30 de Outubro celebrará o seu terceiro aniversario cun acto no Café Moderno de Pontevedra ás 20.00 horas. Retranca, a primeira revista galega de humor que consegue sobrevivir sen subvencións, recibiu na súa curta existencia o Premio do Público do Salò do Cómic de Barcelona e acaba de recibir o Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada.

O número é un especial sobre a visita do Papa a Galicia, e conta como autores convidados a colaboradores da revista El Jueves (Jordi March, Guillermo, Manuel Bartual , Fer e Bernardo Vergara) ademais dos colaboradores habituais da revista.

Cultura