Rexeitan a alegación ao orzamento do 2018

A Corporación de Fene desestimou a alegación presentada pola CIG ao presuposto municipal
18 de Setembro, 2018 - 12:23 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene desestimou esta mañá a alegación presentada pola CIG ao orzamento de 2018. Unha vez adoptado o acordo, os presupostos entrarán en vigor de xeito automático, segundo marca a lexislación vixente. Rexeitaronse cos votos do Partido Popular e de Somos Fene. A Confederación Intersindical Galega alegaba que non se producirá a negociación previa dos ingresos e os gastos cos representantes do persoal. O orzamento supera os dez millóns cincocentos mil euros.

ESCOITA O PODCAST:

Rocío Bértoa (Partido Popular) http://173.255.131.18/audio/180918BERTOA.mp3

Sandra Permuy (Bloque Nacionalista Galego) http://173.255.131.18/audio/180918PERMUY.mp3

Mari Carmen Martínez (Esquerda Unida) http://173.255.131.18/audio/180918MARTINEZ.mp3

Antón Noceda (PSdeG PSOE) http://173.255.131.18/audio/180918NOCEDA.mp3

A sesión con carácter extraordinario e urxente comezou ás nove e cuarto da mañá e non estivo exenta de debate e de tensión .A edil de Facenda Rocío Bértoa indicou que se procedeu ao estudo da alegación e despois dese analise desestimouse o recurso da central sindical. Bértoa indicou que antes da presentación do orzamento tivo lugar unha mesa de negociación cos representantes do persoal para tratar da modificación do plantel e da relación de postos de traballo. A concelleira de Facenda calificou de aberrante a xustificación da alegación da Confederación Intersindical Galega. “Sabe vostede que a presidencia da xunta de persoal dos funcionarios de Fene é do CSIF e non da CIG” preguntoulle Bértoa á concelleira de Esquerda Unida. Os cambios organizativos dos servizos non son obxecto de negociación cos orzamentos, manifestou a edil de Facenda. O edil de Somos Fene Rodriguez Bastida xustificou as modificacións organizativas, salientando que o funcionario que ten a praza de encargado de obras non exerce o posto. Ao existir esa situación, o goberno nomea para encargado a unha persoa da súa confianza, matizou Rodriguez Bastida.

 

A representante do BNG Sandra Permui salientou que no inicio da reunión da mesa negociadora co persoal, a concelleira do Partido Popular xa sinalou que non había nada que negociar. O Bloque reclamou a negociación do convenio colectivo do 2019. Polo PSdeG PSOE Antón Noceda, manifestouse sorprendido polas críticas do BNG. Acusou aos nacionalistas de operar desde hai anos sen criterio no capítulo de persoal do concello de Fene. A CIG quere recuperar privilexios para traballadores en concreto, censurou Noceda antes de anunciar a súa abstención diante da alegación sindical. Permui retrucou expresando o seu orgullo de non ter ningunha coincidencia co representante do PSOE. A representante de Esquerda Unida Mari Carmen Martínez manifestou a súa sorpresa pola coincidencia na argumentación do PSOE e do Partido Popular. “Hai novas gratificacións, cambios de postos de traballo na recollida do lixo, no encargado e no servizo eléctrico” salientou Martínez. Esquerda Unida destacou o que calificou como contradiccións entre a concelleira de Facenda e as declaracións realizadas a Radio Fene polo alcalde o pasado vintecatro de agosto en relación co servizo de axuda ao domicilio.   
Urxencia do pleno
A voceira do Partido Popular Rocío Bértoa xustificou o carácter urxente do pleno polos prazos marcados pola lei, a raíz das alegacións presentadas no último dia de prazo para esta medida. En nome do Bloque Nacionalista Galego, Sandra Permui censurou a urxencia do pleno e a falla de diálogo coa oposición ata para fixar a sesión. Acusou ao goberno de escasa transparencia. Tamén Esquerda Unida votou en contra da urxencia, mentras que o PSOE se abstivo.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora