Rosa María Calaf recollerá mañá en Ferrol o V Premio Xosé Couso

Rosa María Calaf recollerá mañá en Ferrol o V Premio Xosé Couso

29 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A entrega do galardón encádrase un ano máis na conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, que organizan conxuntamente o Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia.

Rosa María Calaf é unhas das caras máis coñecidas na historia recente dos informativos de Televisión Española. Correspondente da cadea pública nos últimos tempos en Hong Kong, a xornalista pasou tamén -ao longo dos seus máis de trinta anos de traxectoria profesional- polas corresponsalías de Moscú, Viena, Bos Aires, Canadá e Roma. Aínda que na actualidade está apartada da profesión, ao acollerse meses atrás a un ERE de TVE, segundo o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales, “as crónicas de Rosa María Calaf deixaron pegada”.

Ademais de recoller o seu premio, Rosa María Calaf participará mañá nos actos organizados conxuntamente polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia para conmemorar o Día Mundial da Liberdade de Prensa. Con esta celebración preténdese, segundo Xan Morales, que “a propia sociedade se manteña en alerta e reclame o que debe ser un dereito colectivo, fronte aos poderes fácticos que tentan coartar a liberdade de prensa”. 

Cunha recepción no Concello de Ferrol á gañadora do premio Xose Couso e coa sinatura de Rosa María Calaf no Libro de Ouro da cidade, comezan mañá ás cinco do serán os actos do Día Mundial da Liberdade de Prensa. A continuación está prevista unha ofrenda floral no Cantón de Molíns, fronte á escultura “Ás Ceibes” de Manuel Patinha, para lembrar a “tódolas persoas que defenden día a día no seu quefacer xornalístico a liberdade de prensa”. Tamén fronte ao monumento, procederase á lectura da Proclama do Día da Liberdade de Prensa a cargo do xornalista Antón Luaces. E xa ao remate da xornada, a partir das oito, comezará no Teatro Jofre o acto de entrega do Premio Xose Couso e o Concerto da Liberdade a cargo da Orquestra Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalabe e co pianista Xoán Elías Castiñeira.

Sociedade