Rosalía en Beiramar

A estrea de "Rosalía, poeta na beira do mar" súmase ao proxecto Rosalía e a fábrica das mulleres
03 de Decembro, 2018 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

"Rosalía, poeta na beira do mar" obra de teatro escrita e dirixida por Eugenia Sanmartín para o grupo Teruca Bouza do Seixo, estréase o próximo xoves 6 de decembro no local Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, ás 20:00 horas.

ESCOITA O PODCAST:

En palabras da autora, a peza é unha humilde homenaxe a Rosalía partindo do poema "Si a vernos Marica viñeras..." publicado en Cantares Gallegos. Recrea a vida dunha Rosalía nova que no ano 1863 acude a unha romaría, a de Beiramar. A pluma de Eugenia Sanmartín mestura planos do pasado e planos do presente a través do personaxe de Marica. A autora e directora do Teruca Bouza,confesa que tratou de escribir a obra dende a honestidade. Algún dos actores sube por primeira vez ao escenario mentres outros xa levan 30 anos sobre as táboas. Tamén hai convidados especiais para a ocasión.

Rosalía como materia prima "é todo un luxo", afirma a autora, quen engade que durante o proceso creativo foi un reto enorme. Non gustándolle a "idolatría" a Eugenia Sanmartín, foi difícil para ela afrontar a todo un mito como é Rosalía. Na obra "Rosalía, poeta na beira do mar" o Seixo é outro protagonista, todo un descubrimento para quen hoxe é a directora do grupo Teruca Bouza. A obra estréase este xoves 6 de decembro ás 20:00h na casa, a sociedade Amigos da Paisaxe Galega do Seixo.

Cultura

Publica o teu comentario agora