Rosalía marcou a existencia de todas nós

Rosalía Fernández Rial preséntanos “Árbores no deserto”.
01 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Rosalía Fernández Rial: “A Arte é o único refuxio, a filosofía, o pensamento, as letras. Sen renegar da tecnoloxía, pero sen perder o humanismo”.

ESCOITA O PODCAST:

A última obra de Rosalía Fernández Rial, “Árbores no deserto” é unha alusión á condición feminina, ás mulleres silenciadas que , a pesar diso, deron froitos producindo arte e pensamento. Foilles negada a existencia, negáronlles a alma. Foron rebeldes pero non podemos escoitalas. “Estamos descubrindo que as mulleres foron tan importantes ou mais que os homes” afirma Rosalía Fernandez Rial no encontro que mantivemos con ela no club de lectura despois de ler con gosto a súa última obra.

“Árbores no deserto” é un libro pero tamén unha performance. En todas as mulleres escollidas hai unha aposta polo escénico, na forma e no fondo. "É un libro artístico, por iso ten máis risco, cuns códigos mais propios das artes plásticas, desvela a autora que ten un proxecto coa ilustradora do libro, María Xosé Costa Valiño (Chiña), de levalo a unha exposición plástica porque está pensado para unha sala expositiva. A idea orixinal do libro foi pensar en como intervir o discurso dunha muller, como facer poesía a partir dun discurso non poético- o caso máis claro é o de Kate Millet-. Rial quere traballar co libro na radio, na escena, nas escolas. De feito tiña preparado antes do confinamento unha unidade didáctica que agora verá como adapta á nova situación. “De feito esta unidade didáctica, moi detallada, pódese descargar na web de Galaxia para usar nas aulas”.

En “Árbores no deserto” a autora xoga con que o seu poema está na obra da escritora elixida, sen alterar a súa prosa. É o caso de Virginia Woolf. Utiliza outras técnicas tecendo unha especie de collage. De feito di “a sororidade é a trama deste libro que ven ser un tear conxunto, unha urdime que fai referencia á arañeira”. Escolleu mulleres, algunhas inevitables como Rosalía de Castro ou Concepción Arenal. Noutros casos deixouse levar pola pulsión poética, polas obras delas, revela a autora que se declara feminista temperá que teme polos dereitos acadados, en perigo de retroceso polo momento que vivimos.

Convidada por nós a facer unha escolla, queda emocionalmente con Rosalía de Castro porque “marcou a existencia de todas nós”.

Participaron no Club de lectura de radiofusión, Esther Val, Maite Martínez Prieto, Andrés CM Riveira e Henrique Sanfiz, mais a autora Rosalía Fernández Rial, filóloga, doutora en Didáctica das línguas e de Expresión dramática. Arbores no deserto fai o número dez das súas obras.

Cultura

Publica o teu comentario agora