Rozas acollerá dous concertos da II Edición de “Espazos Sonoros”

Rozas acollerá dous concertos da II Edición de “Espazos Sonoros”

30 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Aeródromo de Rozas abandonará por dous días o ruído dos motores, o cheiro a queroseno e os monos de traballo cheos de graxa, para deixar paso ás novas tendencias da música. Esta instalación de Castro de Rei foi un dos espazos elixidos para a II Edición de “Espazos Sonoros”, programa de música organizado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultura

A primeira data elixida será o sábado 13 de xuño. Cando o reloxo marque as 20.00 horas será o momento da actuación da Orquestra Omega. Esta formación de improvisación libre experimental está formada por un colectivo dunha vintena de artistas galegos relacionados co Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro, en Santiago de Compostela, e que emiten música improvisada guiada por dirección xestual.

 

A banda sonora resultante inclúe desde xoguetes ata calquera influencia musical ou ruidística, contos para nenos, instrumentos acústicos, música clásica, instrumentos electrónicos analóxicos e dixitais, música contemporánea, free-jazz, textos diversos e referencias a sons do mundo ou música popular de calquera época ou lugar.

O segundo dos concertos, a celebrar o 20 de xuño, conta coa actuación, contra as 20.00 horas, de Madame Cell. Alter ego do pianista Nacho Muñoz, proporá unha serie de pezas compostas con “células” ou obxectos sonoros extraídos de varias gravacións de improvisacións libres, que acompañará cunha proxección secuencial de diapositivas sonoras para a exaltación do obxecto sonoro metamorfoseado en texturas ou paisaxes.

A segunda quenda será para Terela Gradín e Manuel Gutiérrez, que saltarán ao escenario sobre as 21.00 horas para tocar as súas misturas de temas de grupos contemporáneos, como Radiohead, Moreno Veloso ou Wayne Shorter, con temas de propia creación.

Esta II edición de “Espazos Sonoros” componse de 88 actuacións a cargo de 36 formación galegas que actuarán en outras 22 localidades galegas.

Cultura