Rushdie, Eco e Gubern desentrañan os signos de internet na Coruña

Rushdie, Eco e Gubern desentrañan os signos de internet na Coruña

21 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O escritor anglo-hindú Salman Rushdie, célebre pola fatwa que o islamismo radical iraniano promulgou contra el trala publicación da súa obra “Os versos satánicos”, será o encargado de inaugurar o X Congreso Mundial de Semiótica que, baixo o título “Cultura da Comunicación, Comunicación da Cultura” bota a andar mañá na Coruña.

Na cidade herculina estarán outros nomes de sona internacional relacionados coa disciplina que estuda os signos e a relación entre significantes e significados, como é o caso do catalán Román Gubern ou o italiano Umberto Eco quen, por mor dunha doenza, só poderá participar mediante vídeo-chamada, sendo a primeira vez que o autor de “Apocalípticos e integrados” accede a participar nun foro mediante este tipo de comunicación. A análise semiótica garda relación directa con todos os fenómenos culturais da nosa vida cotiá, e velaí o interese deste cumio internacional de semiólogos, explicou en Radiofusiòn o director científico do encontro, José María Paz Gago.

O debate nas xornadas que se estenden ata o sábado atenderá á revolución comunicativa propiciada por internet e á relevancia de figuras políticas como Sarkozy ou Chávez que, segundo Paz Gago, “gobernan a golpe de televisión”. “Pretendemos lograr que os receptores sexan críticos e saiban filtrar o exceso de información que lles chega e que moitas veces, como no caso de internet, é falsa”, explicou o coordinador do congreso.

A crise será tamén obxecto de debate porque “é unha semiose e provoca múltiples significacións”, comentou José María Paz Gago antes de laiarse de que os efectos da recesión tamén se deixen sentir na celebración desta cita mundial. O profesor da Universidade da Coruña critica que, abeirados na crise, os políticos decidan pechar a billa en primeiro lugar á cultura.

Cultura