Rutas turísticas, mostra de bicicletas antigas ou desfile de modelos na Semana Europea da Mobilidade

Rutas turísticas, mostra de bicicletas antigas ou desfile de modelos na Semana Europea da Mobilidade

16 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene amplía as actividades na Semana Europea da Mobilidade para promover o uso da bicicleta. Un curso para aprender a andar en bicicleta, un desfile de moda con equipamento deportivo para a bici e unha exhibición de  bicis antigas súmanse ás actividades de taxis compartidos, mecánica de bicis e descontos nos transportes públicos. As rutas a pé ou os paseos turísticos en bicicleta marcarán tamén as xornadas para o foment

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Amalia García Balado, ven de rematar e ampliar o programa da Semana Europea da Mobilidade, que  comeza nesta xornada. Fene contará con actividades para tódalas idades co fin de fomentar entre os veciños e veciñas do Concello hábitos  coma o uso do transporte público ou os medios de transporte alternativos ao automóbil.

Baixo o título de “Rutas a pé: programa andar é saúde” trataráse de xuntar ao maior número de persoas para realizar caminatas. A actividade está organizada por José Seco, membro do Clube de Montaña de Ferrol e coordinada pola Policía Municipal de Fene e AVTC (agrupación de Voluntarios Protección Civil de Fene). Realizaráse este sábado 19 de setembro a partir das 10:00 da mañá. A inscrición e o lugar de saída serán na Casa do Concello de Fene.

As “Rutas turísticas en bicicleta”, organizadas por Juan Seco e coordenadas pola Policía Municipal, están previstas para o domingo 20 de setembro ás 10:00 da mañá.  A inscrición e lugar de saída tamén será neste caso a Casa do Concello de Fene.

O Curso para aprender a andar en bicicleta será teórico-práctico. Contará cun monitor, Alfonso Seijido e realizaráse no Parque de Educación Viaria de Barallobre. Desenvolveráse en horario de tarde, de 16:00 a 18:30, dende hoxe ata o  21 de setembro. Todas aquelas persoas maiores de 35 anos que desexen aprender a andar en bicicleta poden apuntarse chamando ao teléfono 981 49 27 07. Ao final do curso sortearáse unha bicicleta entre todos os participantes.  

Realizaráse tamén como actividade novidosa un desfile de modelos con equipamento para a bicicleta. Cascos, camisetas, pantalóns, rodilleiras, e demáis artigos para a bicicleta amosaránse no Círculo Mercantil e Industrial de Fene a partir das seis do serán. Levaráse a  cabo  un casting este venres 18 de Setembro, ás catro e media da tarde, para seleccionar a unha moza ou mozo, entre 16 e 30 anos que participará no desfile.

A exhibición de bicicletas antigas a cargo de José Seco, permanecerá toda a semana no Casino de Fene.

Tamén durante toda a Semana da Mobilidade no Salón de Plenos do Concello, estará aberta ao publico en horario de oficina unha exposición que versa sobre a mobilidade.

Autocares Arriva ofrecerá descontos do 50 .% os días 18 ,21 e 22 de setembro nas seguintes horas e paradas. A ruta Maniños- Ferrol ás oito, nove menos cuarto e nove dez da mañá, e Ferrol-Maniños á unha e media, dúas e dúas e media da tarde. Autocares Capela súmase a esta semana ofrecendo descontos do 50 % os días do 16 ao 22 de setembro en todas as paradas no Concello de Fene.

Os taxistas de Fene súmanse a esta semana con viaxes compartidas aos puntos nos que o viaxeiro teña que facer transporte ou ben non teñan bus directo exemplo Residencia, cemiterio e polígonos. Para máis información chamen ao teléfono 981 49 27 07

Sociedade