Sés abrirá o San Froilán 2014

Sés abrirá o San Froilán 2014

27 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

María Xosé Silvar Sés abrirá o San Froilán 2014 cun concerto o sábado catro de outubro ás once da noite na Horta do Seminario. Ese dia comezan de xeito oficial en Lugo as festas por antonomasia do outono galego. Nos sete dias do programa festivo agárdase que pasen pola cidade das murallas máis de seiscentas cincuenta mil persoas, sempre que o tempo acompañe.

Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galicia, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.

Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.

No ano 2011 editou o seu primeiro traballo, “Admirando a Condición”,  e na actualidade está a presentar o seu segundo disco “CO XENIO DESTROZADO”, un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo.

Sociedade