A saúde en xogo

Á xubilación do doutor Paciano de Dios hai que sumar a baixa doutro médico de longa duración que tampouco se cubre
18 de Xaneiro, 2019 - 01:25 h. | Publicada por Radio Fene

O centro de saúde de Fene foi escenario esta mañá dunha protesta contra o deterioro da sanidade pública. O centro fenés terá un médico menos dende o luns e xa ten neste momento outro de baixa de longa duración. Que non se cubran as prazas vacantes é o que motivou unha concentración na que se deron cita médicos, persoal de enfermería, da administración do centro e tamén usuarios e usuarias que ven como a atención que reciben por forza se vai deteriorando.

ESCOITA O PODCAST:

A partir do luns día 21, os nove médicos de familia que quedarán nos centros de saúde de Fene serán incluídos no dubidoso ranking dos 400 médicos de familia galegos que superan as 1500 cartillas por facultativo. A Xunta de Galicia non ten previsto cubrir a baixa dun médico do Centro de Saúde de Fene, que se producirá por xubilación, distribuíndo as súas cartillas entre o resto dos médicos.

O Plan de mellora da Atención Primaria de 2007-2011 xa recomendaba ratios en torno ás 1250 cartillas por médico e que en ningún caso superaran os 1500. O mesmo plan recomendaba ratios de 800 cartillas no caso dos pediatras. Persoal de enfermería contounos como viven no centro de saúde fenés a situación. A situación en pediatría é máis delicada pois ao ser só dous facultativas, unha ausencia sen cubrir, provoca incrementos das ratios de máis dun 75% por encima do recomendable. Disto falounos esta mañá unha das pediatras do centro de saúde de Fene.

A falta de substitución dos médicos (tanto médicos de familia como pediatras) dos centros de saúde de Fene, durante os permisos e vacacións xa viña provocando, nos últimos anos, a masificación dos servizos sanitarios de Fene. O medico Humberto Fidalgo foi que se dirixiu aos asistentes, arredor dun cento de persoas, para explicar o problema que afrontan os facultativos do centro fenés e como iso está a repercutir nos pacientes. Por este deterioro no servizo se movilizaron este mediodía os feneses. A protesta contou coa presencia de representantes políticos de EU, PSOE e BNG.

Sociedade

Publica o teu comentario agora