Sabemos tirar os penaltis

Sabemos tirar os penaltis

28 de Abril, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

"Sabemos tirar os penaltis e non facemos como o Barça e o Madrid" afirmaron os de Terbutalina no festival de Vitaminas para o galego que se celebrou na noite do pasado venres na Gentalha do Pichel en Santiago de Compostela. Ademáis do enerxético "gastro punk" dos de Muros, a xornalista Xiana Arias coordenou con palabras fermosas e precisas un acto no que se deron cita xornalistas, músicos e a vangarda da intelectualidade compostelán.

O recitado vibrante de Gonzalo Hermo, Olalla Cociña e Alicia Fernández abriu o lume dun acto no que Ubaldo Cerqueiro (Quepasanacosta) deu leitura ao manifesto que "Vitaminas para o galego" lanza para o vindeiro 17 de maio, Dia das Letras. No texto faise fincapé na necesidade de medios de comunicación que empreguen o idioma galego se se quere garantir a continuidade e a transmisión interxeneracional da lingua, a contribución máis importante de Galicia á construción da humanidade". Por iso afirman que queren "reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común".Os 26 medios que participan das "Vitaminas" afirman que "Galicia quere información de proximidade en galego, mass media que no século XXI difundan e prestixien o idioma, altofalantes que ensinen a nosa visión do mundo, peten nas conciencias e fagan visible a sensibilidade e a creatividade existente na sociedade galega.

Sociedade