Sae do prelo a edición bilingüe da Obra Completa de Lois Pereiro

Sae do prelo a edición bilingüe da Obra Completa de Lois Pereiro

11 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Nesta xornada presentouse a edición bilingüe en galego e castelán da Obra Completa de Lois Pereiro, o poeta monfortino ao que se dedica este Día das Letras Galegas. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentou no Monte Gaiás esta edición, que se pon á venda canda unha escolma de poemas de Pereiro traducidos ao idioma inglés.

Varela defendeu a escolla do autor de "Poesía última de amor e enfermidade" como protagonista do 17 de maio, declarando que se trata dun poeta que foi quen de "extraer arte da permanente ameaza da morte, ou, o que é o mesmo, foi quen de facer agromar a beleza combatendo a dor". O conselleiro atribuíulle a Pereiro a condición de "clásico moderno" e emparentouno cos mellores autores da poesía europea recente.
 

Da oportunidade para popularizar a obra de Lois Pereiro durante este mes das Letras dá conta unha iniciativa a un tempo cultural e comercial. Así como a faciana do Ché viaxa en camisetas, a do autor galego e os versos do seu poema "Transmigración" poderanse ver nas bolsas da compra dos Supermercados Gadis. Os máis de 700.000 clientes destas tendas poderán levar estampadas, alí onde transportan os alimentos, as palabras que lía na presentación desta campaña a poetisa Iolanda Castaño.

Cultura