Salustiano Mato agarda máis reflexión en materia educativa

Salustiano Mato agarda máis reflexión en materia educativa

07 de Novembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, espera que a decisión do Goberno de dar "marcha atrás" na retirada de bolsas Erasmus a alumnos que o pasado curso non tiveron unha axuda xeral de estudos sirva para que se "reflexione" máis en materia de educación. Dixo que para tirar abaixo a decisión do ministro Wert veu moi ben a sorpresa xeneralizada, que mesmo tivo efecto na Comisión Europea.

Mato participou na presentación do lanzamento de Humsat-D, o segundo satélite espacial construído na Universidade de Vigo, que terá lugar  o próximo 21 de novembro dende o cosmódromo de Yasny, nunha base militar rusa, dende o foguete Dneper. Na que será a segunda aventura espacial da institución académica viguesa, este satélite viaxará aloxado no interior dun satélite nodriza, o Unisat-5, que foi desenvolvido polo grupo de astrodinámica da Universidade da Sapienza de Roma e no que irán outros satélites de institucións e empresas de EE.UU., Perú e Paquistán. Humsat-Demo é o satélite demostrador do proxecto Humsat que lidera a Universidade de Vigo, no que participan outras institucións académicas de varios países e que conta co apoio da ONU e a Axencia Espacial Europea (ESA). O seu obxectivo pasa por poñer en marcha unha constelación de nanosatélites, sensores e estacións de terra a nivel mundial que permitan captar e transmitir datos en zonas sen infraestruturas. Segundo explicou o director do proxecto, o investigador Fernando Augado, o satélite galego terá múltiples aplicacións.

Sociedade