Salvar a casa natal dun escritor

A declaración BIC semella a única maneira de salvar o inmoble
16 de Novembro, 2020 - 09:55 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación Ferrolterra Antiga leva o peso da iniciativa de conquerir a declaración de BIC para a casa natal de Ricardo Carvalho Calero en Ferrol. Estánse sumando ao proceso outras entidades sociais e persoais.

ESCOITA O PODCAST:

A Asociación Ferrolterra Antiga da un paso adiante na intención de salvar a casa natal de Ricardo Carvalho Calero en Ferrol Vello. Perseguen a declaración do inmoble como BIC (ben inmoble de interese cultural) por parte da Xunta de Galicia como única maneira de salvala do abandono total no que se encontra. Rubén Labisbal cualifícao de “estado lamentable”. Desde o 2012 desplomouse unha estrutura principal do edificio e de seguir así finalmente "quedarán catro pedras".

Foi no 2012 cando o concello adquiriu a casa natal de Carvalho Calero cun edificio líndante. O actual alcalde falou de comprometer parte do orzamento para a súa rehabilitación pero ao final desbotouse esta iniciativa. Antonio Casal, membro de Ferrolterra Antiga, non pode dar unha cifra exacta pero sabe que a rehabilitación custará centos de miles de euros. No pasado mes de agosto, Angel Mato renovou as intencións de rehabilitación da casa, pero os 600.000 euros nos que se cifrou o custe non se rexistraron nos orzamentos e polo tanto a intención queda en nada.

Ser declarada BIC suporía presionar ás administracións para rehabilitar a casa dotándoa dunha protección oficial. Frearíase o seu deterioro. Sobre os usos que poderían dárselle ao inmoble, barállase o de museo arredor da figura de Carvalho Calero, para divulgar a etapa ferrolá do autor. Isto promovería actividades sociais que dinamizarían o barrio.

Pola súa parte Manuel Pita explícanos que Carvalho Calero era tan ferrolán que na súa obra literaria a cidade está moi presente. Ese argumento axuda á hora de solicitar a cualificación de BIC para a casa da rúa San Francisco. De momento aínda non foi solicitada diante da administración galega ata que sexan mais entidades sociais e persoas de Ferrol as que se sumen á solicitude.

Os pasos para a declaración BIC son tres; primeiro está a solicitude de incoación do proceso, que debe ser admitida. En segundo lugar, debe ser avalado por unha serie de axentes consultores e finalmente o Consello da Xunta de Galicia adoptaría a declaración BIC. Os membros da Asociación Ferrolterra Antiga non perden a esperanza de que a celebración das Letras Galegas 2020 na honra do profesor ferrolán se prolongue ao ano 2021, pero semella que “a RAG tira para outro lado”.

Cultura

Publica o teu comentario agora