San Sadurniño muda as vellas escolas por vivendas

San Sadurniño muda as vellas escolas por vivendas

24 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Boletín Oficial da Provincia e o Concello de San Sadurniño publican hoxe mesmo toda a documentación relativa á poxa das antigas escolas unitarias do Eirexado e das Loibas trala súa rehabilitación como vivendas. As persoas interesadas teñen ata o día 11 de outubro ás 13.00 h. para presentar as súas propostas. O único criterio para adxudicar as vivendas será o prezo, aínda que hai certos requisitos recollidos nas

A vivenda de Naraío sae a poxa por un prezo base de licitación de 77.552 euros, mentres que a de Bardaos ten un prezo de saída de 75.248,80 euros. A primeira vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e é unha casiña de 72 metros cadrados en planta baixa asentada nunha finca pechada de 425 metros. A segunda, a de Bardaos, está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 128 metros cadrados.

Os dous inmobles que se porán á venda dentro duns días erguéronse sobre a base de dúas escolas unitarias que requirían unha intervención urxente. Foi entón cando o equipo de goberno decidiu rehabilitalas para convertelas en vivendas que tivesen un prezo asequible e que, ademais, xerasen emprego durante o proceso de reconstrución. De feito os traballos -que comezaron en abril de 2013- déronlle emprego directo a 4 persoas durante medio ano. Outro obxectivo desta actuación concibida como unha experiencia piloto é o de contribuír a fixar poboación no medio rural.

Se todo sae como está previsto, o Concello de San Sadurniño recuperaría o investimento efectuado e o valor da terra para continuar a experiencia noutras antigas escolas en desuso, como a de Igrexafeita ou Silvalonga, que tamén se converterían en vivendas.

Sociedade