San Valentín pide o apoio da Corporación de Fene

San Valentín pide o apoio da Corporación de Fene

18 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A asamblea cidadán de San Valentín pediu esta tarde un apoio máis decidido dos grupos políticos da Corporación de Fene. Entre as posibilidades baralladas, figura a convocatoria dun pleno extraordinario para respaldar a súa oposición a sufragar o custe da renovación da rede xeral eléctrica do barrio.

A compañía eléctrica Unión Fenosa entregarálle o vindeiro martes aos representantes veciñais de San Valentín o proxecto e presuposto para renovar a acometida eléctrica a barriada. Entre tanto non poden utilizar os ascensores sufragados por cada vivenda cunha cantidade media de 9.500 € por domicilio.

 

Fenosa indica que para dar de alta aos ascensores necesítase instalar unha nova rede de abastecemento de enerxía eléctrica, e que deben ser os cidadáns os que abonen o custe da obra. Segundo se puxo de manifesto na asamblea desta tarde, as tarefas de mantemento e renovación da rede eléctrica xeral deben correr a cargo de Unión Fenosa, xa que nos recibos que mensualmente abonan os usuarios unha parte xa vai dirixida a sufragar eses conceitos. Ademáis a renovación proxectada incluie unha liña para novos contadores dixitais, e outra para baixos comerciais e oficinas.

 

Mentres se produce a disputa, as torretas e os cables de media tensión vixian o barrio, pasando polas inmediacións do colexio e do pavillón polideportivo. A cidadanía desde hai tempo reclama o seu soterramento, pero agora hai reivindicacións máis urxentes, xa que persoas discapacitadas e con mobilidade reducida non poden sair dos seus domicilios, ata que entren en funcionamento os ascensores.

 

Sociedade