As saunas da Residencia de Maiores de Caranza

As saunas da Residencia de Maiores de Caranza

04 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os traballadores da Residencia de Maiores de Caranza concentráronse esta mañá reclamando un inmediato amaño das instalacións. As tuberías perden auga e o suministro de auga quente presenta moitas deficiencias segundo denunciaron.

A Xunta de Galicia afirma que xa está orzamentada a reparación, pero a CIG reclama que se acometan as obras con urxencia. Temen que o deterioro do servizo público se utilice logo como excusa para a privatización. Explicouno así a responsable comarcal da CIG Administración, Carmen Viso.

Un grupo de usuarios e usuarias tamén se sumou á protesta esta mañá. Unha delas ía cun flotador. Indicaba que a auga chega aos ascensores co perigo que iso supón.

Segundo as denuncias sindicais, a Residencia de Maiores de Caranza sofreu inundacións o pasado 21 de febreiro e o 10 e 14 de marzo. As cañarías non están preparadas para soportar as temperaturas da auga necesarias para combater os riscos de lexionella. Dende o mes de outubro as inundacións son constantes. Os empregados teñen denunciado esta situación, sen que até o momento se adoptasen as medidas necesarias para evitar as inundacións, segundo indican.

Sociedade