Seguen activos os lumes en Lousame e Boiro

Seguen activos os lumes en Lousame e Boiro

30 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Os incendios seguen a afectar nesta xornada de venres a Boiro, Lousame e Navia de Suarna. Os prognósticos meteorolóxicos non fan ser moi optimistas de cara á fin de semana. Pola súa banda, a Plataforma contra o Lume, anuncia que fará públicos dados que contradín as últimas manifestacións de Núñez Feijóo.

Os incendios rexistrados o xoves nos municipios coruñeses de Lousame e Boiro, que queimaron unhas 295 hectáreas, e outro que calcinou unhas 150 hectáreas en Navia de Suarna (Lugo) permanecen activos este venres.

   Segundo informou a Consellería do Medio Rural, segue activo o incendio forestal na parroquia de Macenda en Boiro, que tamén afecta á parroquia de Tállara en Lousame. A Xunta declarou o Nivel 1 como medida preventiva pola súa proximidade inicial ao núcleo de Moimenta.

   Este lume comezou ás 16.15 horas do xoves e a superficie afectada, segundo as estimacións provisionais, ascende a unhas 295 hectáreas. Nos traballos de extinción participan dous técnicos, 15 axentes forestais, 30 brigadas, 20 motobombas, catro pas, oito helicópteros e nove avións. Tamén traballan na zona efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

   Tamén segue activo outro incendio declarado na parroquia de Rao no municipio lucense de Navia de Suarna, cunha superficie afectada dunhas 150 hectáreas.

   Este lume comezou ás 18.59 horas do xoves e na súa extinción levan traballado un técnico, oito axentes, 24 brigadas, 11 motobombas, dúas pas e dous helicópteros.

Sociedade