Seguimos saíndo ao xardín

Seguimos saíndo ao xardín
07 de Abril, 2020 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

A Residencia Mixta de Maiores de Caranza-Ferrol- está limpa de virus. Ningún residente ou traballador se veu afectado. O seu director, Juan Carlos Berrocal, cóntanos que o personal do centro está volcado nesta crise e o seu espíritu de sacrificio axuda a ter esperanza.

ESCOITA O PODCAST:

A data de hoxe, a Residencia Mixta de Maiores de Caranza- Ferrol- non ten ningún caso positivo en coronavirus, nin entre os residentes nin entre os traballadores. O seu director, Juan Carlos Berrocal, cruza os dedos para que todo siga así e agradece todas as mostras de afecto que están recibindo desde o concello de Ferrol, asociacións veciñais e voluntariado. “Temos a esperanza de sacar isto adiante” asegura Berrocal consciente do escenario que se presenta nun sector que coida de persoas de alto risco. Informanos que se lles fixeron probas a algún residente e a traballadores que están pendentes de resultado pero, de momento, todo o mundo está volcado no traballo, en que as familias permanezan tranquilas e os residentes poidan seguir coas súas rutinas.

A Residencia de Caranza dispón de 191 prazas. A causa das obras, a crise pillounos con 157 ocupadas,  das que 49 son persoas dependentes e o resto, a gran maioría, autónomas. 113 traballadores e traballadoras coidan deles en todos os sentidos. Contan coa totalidade do plantel en activo xa que se suspenderon permisos e vacacións. En xeral reforzáronse todos os servizos asistenciais do centro; as traballadoras sociais manteñen turnos de nove a nove; reforzáronse as camareiras con catro persoas máis e agardan  reforzos en enfermería. Tamén se comprou material de seguridade que de momento é suficiente para unha situación de emerxencia. Por iso tamén dispuxeron a cuarta planta do centro por se fose necesario aillar a algunha persoa, se presentase febre ou algún síntoma. Houbo que adoptar medidas especiais, declara Berrocal, como prohibir as visitas desde hai xa tres semanas. Nos comedores reduciuse o número de comensais por mesa, de catro a dous. Nos ascensores limitouse o número de usuarios porque en todas partes hai que respectar unha distancia entre eles superior a un metro. Por suposto, extremouse a hixiene e desinfección de zonas comúns, ata o máis mínimo detalle como os interruptores, os pomos das portas, todo se desinfecta continuamente.

Recalca o director da residencia de Caranza que “non hai un modelo a seguir porque nunca pasou nada parecido, por iso hai que ir actuando según veñen os problemas”. “Seguimos saíndo ao xardín” afirma Berrocal, para significar que dentro dos cambios que houbo que aplicar, tentan manter a calma e a normalidade. Destaca sobre todas as cousas o espíritu de sacrificio de todo o persoal. Cada día ou cada dous días, o comedor convértese no centro de información. El mesmo e a médica do centro informan puntualmente ás persoas residentes de cal é a situación, facendo balance do sucedido e respondendo ás súas inquedanzas. Aos familiares infórmaselles puntualmente por teléfono das circunstancias nas que están, para que estén tranquilos.

Quedámonos cos desexos expresados por Juan Carlos Berrocal de que na Residencia de Caranza siga todo tan ben como ata agora e, se pode ser, que os acompañe esa pizca de sorte que sempre é necesaria. Sorte.

Sociedade

Publica o teu comentario agora