Seis minutos e corenta segundos “de creatividade comprimida” no II Pecha Kucha Night Ferrol

Seis minutos e corenta segundos “de creatividade comprimida” no II Pecha Kucha Night Ferrol

24 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Teatro Jofre acollerá o vindeiro 2 de xullo a segunda edición do Pecha Kucha Night. O estudo de arquitectura MMASA, o pintor Jorge Cabezas, o enxeñeiro naval Miguel Lamas e as empresas de deseño e multimedia “Sin ánimo de culto” e de sostenibilidade na edificación “Breen España”, serán algúns dos ponentes nesta nova sesión organizada polas firmas Mjoy e Stgo.es, en colaboración co Concello de Ferrol.

Tamén tomarán parte no espectáculo representantes de Urban Simulations (Visualización de arquitectura), os ilustradores David Rubín e José Domingo, o luthier Antón Varela e as firmas de organización “Macc” e de informática “Nextgal”. Completarán o cartel o director de cine Rubén Coca, o arquitecto Manuel Chaín e o grupo Ban-d Versión, que será o encargado de pechar esta II edición do Pecha Kucha Night Ferrol.  En total, trece propostas para unha función que comezará o vindeiro 2 de xullo ás dez e vinte da noite.

Segundo explicou a Radiofusión un dos responsables da organización, Santiago González, o Pecha Kucha Night “é un novo xeito de presentación multidisciplinar xordido en Tokio no ano 2003”. Distínguese polo seu formato 20x20, no que “cada relator únicamente dispón de vinte imaxes e vinte segundos para comentar cada unha delas”.

Dende a súa creación, o formato Pecha Kucha tense celebrado en máis de 315 cidades de todo o mundo coa participación de profesionais creativos de múltiples disciplinas, estudiantes e empresarios. O obxectivo é presentar as súas ideas, traballos e proxectos “xordidos nun ámbito local pero con alcance global”

Sociedade