A Semana Santa con máis “Paixón”

A Semana Santa con máis “Paixón”

29 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Coa bendicións dos ramos e palmas e os tres primeiros desfiles procesionais que onte percorreron as rúas do centro da cidade, Ferrol deu o pistoletazo de saída á súa Semana Santa. Por diante quedan sete días e  máis de vinte procesións, sen esquecer os numerosos actos paralelos que organizan as distintas Cofradías.

En palabras da presidenta da Coordenadora de Cofradías, “a Semana Santa Ferrolana é a máis numerosa en cofrades, Cofradías e procesións de toda Galicia”. Ademais, segundo Meca Arcos, “a enorme riqueza, beleza e espectacularidade deste acontecemento radica na diversidade e singularidade de cada unha das cinco Cofradías que a organizan” (A Merced, Angustias, Santo Enterro, Orden Terceira e Dores).

A Semana Santa de Ferrol foi declarada de Interese Turístico Nacional no 1995. Na actualidade, aspira a acadar a declaración de Interese Turístico Internacional. Pero o máis importante deste evento, amais do sentimento e fervor relixioso que esperta en milleiros de persoas, é o atractivo que supón para os moitos turistas que estes días visitan a comarca.

Para Meca Arcos, todas as procesións son importantes, aínda que as máis espectaculares son as que se celebran nas xornadas do Xoves e o Venres Santo. Salienta ademais os dous “encontros” que se producen durante a Semana Santa Ferrolana: a procesión do “Santo Encontro”, que promove a Cofradía de Dores na mañá do Venres Santo, e o desfile do “Xesús Resucitado ao encontro coa súa Nai”, que organizan as Cofradías da Orden Terceira e Merced, na xornada do Domingo de Resurrección.

Aínda que este foi un ano difícil, no que a Coordenadora tivo que apretar especialmente o cinto e axustar contas (debido ao recurte dalgunhas subvencións), Meca Arcos asegura que “ninguén notará a crise na Semana Santa Ferrolana”.  Engade ademais que “a falta de cartos compensouse co traballo desinteresado de centos de persoas que colaboraron na organización e preparativos do evento”.

Sociedade