Sen público non somos nada

Sen público non somos nada
23 de Abril, 2020 - 11:13 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos con Paula Carballeira, confinada na súa casiña, vendo como marchan as horas, escribindo e pensando, porque sen público non pode contar historias que é ao que dedica boa parte da súa vida profesional. 

ESCOITA O PODCAST:

Unha odisea de volta

Ten sorte de ter unha casiña para pasar o confinamento pero bota de menos ao público. Alí está na súa casa Paula Carballeira que pasou toda unha odisea para retornar a Galiza desde Costa Rica nos primeiros dias da alarma sanitaria. Aló estaba participando nun festival de narración oral que puideron acabar polos pelos porque aló empezaban a detectarse casos de afectados polo coronavirus e as noticias que chegaban de aquí xa eran alarmantes. Colleu o último avión a Madrid onde pasou un dia enteiro agardando polo último avión a Santiago, onde pillou o último taxi co que conseguiu chegar á casa. “Ao principio pensei, como vou ocupar as horas, pero logo ves que as horas marchan” reflexiona en alto Paula Carballeira quen recoñece que ten moito para ler, proxectos que escribir, xente que che pide cousas… Cóntanos que neste momento está combinando a escritura dun ensaio sobre narración oral con outro texto de teatro para a mocidade.

Alá van os contratos da primavera

“Non botei a conta pero son bastantes”. Refírese Paula ao número de contratos como conta contos que perdeu e perderá  desde marzo ata xuño. Bota contas ao chou e está a falar dunha sesión por dia laborable e algunha de fin de semana. “Dun dia para outro caeron as de abril e logo as de maio” explica. Ela traballa moito nos colexios nestes meses nos que se celebran o Día do Libro infantil, Día da Poesía, Dia do Libro (hoxe 23 de abril) ou o 17 de maio Dia das Letras Galegas. No mes de xuño concéntranse moitos festivais de narración oral pero como son citas de moito aforo non se van poder facer. E normalmente no verán sempre vai a América para participar en encontros de narradores. “Fora”, dí Paula resignada.

Unha folla de ruta para sector da Cultura

Ela traballa para Berro bambán S.L. que tivo que dar de baixa todas as actividades. “Nós non podemos acollernos a un ERTE como outras empresas, e reclamamos medidas concretas para o sector cultural cuxa fiscalidade é diferente” aclara a escritora fenesa. As expectativas son incertas pero semella que o sector da cultura e das artes escénicas non vai poder reanudar a súa actividade en moitos meses porque calquera medida restritiva fai que non sexa rendible. “Os colexios, cando volvan o próximo curso terán moito que recuperar asi que as outras actividades van quedar relegadas probablemente” afirma Carballeira quen ten contratos previstos para outubro pero neste momento son provisionais en función de como evolucione a crise sanitaria. “Sería moi útil ter unha folla de ruta, unhas datas de referencia para saber a que aterse” conclúe.

Un poema de despedida

A nosa conversa con Paula Carballeira remata cun agasallo que nos proporciona neste Día do Libro. Recitounos un poema do seu libro “Hai quen escolle os camiños máis longos” que ela quería presentar en Maniños, o seu lugar de nacemento, porque o poemario ten moito que ver coas árbores e bosques desta parroquia de Fene. “Son camiños, dí, que polo momento non podemos percorrer cos pés, pero sí coa imaxinación”.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora