Senda peonil e de bicis entre Franza e Rilo

Senda peonil e de bicis entre Franza e Rilo
23 de Decembro, 2020 - 10:37 h. | Publicada por Radio Fene

Xa está en licitación a senda peonil e ciclista entre Franza e Rilo, no conclelo de Mugardos. O importe da licitación fixouse en 467.000€.

A Xunta de Galicia ven de abrir o proceso de licitación da senda peonil e ciclista ente Rilo e Franza, e cuxo prazo de presentación de ofertas finaliza o próximo 21 de xaneiro. Este proxecto ten por obxectivo a creación dunha senda compartida, para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela á estrada autonómica que comunica Fene e Mugardos, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V. G.-1.2, na contorna do núcleo de Franza, e finalizando no núcleo de Rilo. O proxecto inclúe actuacións en dous tramos da vía autonómica: o primeiro executarase pola marxe dereita, comezando na glorieta de conexión entre a AC113 e a vía de alta capacidade V. G.-1.2, na contorna do núcleo de Franza, finalizando no núcleo de Rilo. No segundo tramo, actuarase na marxe esquerda da estrada, do punto quilométrico 9+820 ao 9+910, para executar un itinerario polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil.

Esta actuación incorpora suxestións presentadas ao proxecto inicial, como a prolongación dos itinerarios peonís até entroncar co itinerario de peóns actual, na contorna da glorieta do punto quilométrico 8+550, dispondo novos pasos de peóns con sinalización. A intervención tamén inclúe a reforma da pendente longitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, co fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Tamén se prevé a reposición dun tramo de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910. O concelleiro de Mobilidade e alcalde, Juan Domingo de Deus mostrou a súa alegría polo inicio da licitación afirmando que “É un paso máis. Gustaríanos que todo fose máis rápido, pero sabemos que as administracións, e máis nos tempos que corren, teñen os seus prazos. Pero a senda Rilo - Franza será unha realidade en 2021, e modificaría substancialmente a mobilidade entre os núcleos de Mugardos e Franza”. De Deus confirmou que desde a súa concellaría trabállase xa no deseño de novas ferramentas de mobilidade xa que “levamos moitos anos de atraso nesta materia en Mugardos e temos moito traballo que facer. Estamos a analizar a viabilidade técnica e económica de distintos proxectos co resto dos grupos políticos municipais e con outras administracións co obxectivo de que moitos deses proxectos sexan unha realidade antes de finalizar a lexislatura”.

Institucional

Publica o teu comentario agora