Senda peonil pola costa

Senda peonil pola costa
19 de Agosto, 2020 - 11:26 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Turismo, asinou esta semana un convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galiza para a realización de actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de Cabanas. En concreto, o Concello de Cabanas amañará a senda que percorre a costa do municipio, desde a praia da Madalena até Río Castro, pasando pola praia de Chamoso, e que actualmente necesita actuacións de reparación, particularmente nos treitos máis afectados pola erosión marítima.

Senda peonil entre as praias da Madalena e Río Castro

“As actuacións proxectadas contemplan o amaño da escaleira que ascende desde a praia da Madalena, a instalación de varios treitos de varanda  e sinalización ao longo de todo o percorrido e a consolidación de varios treitos do camiño”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de turismo, Iago Varela, quen tamén quixo pór en valor estas actuacións “urxentes e imprescindíbeis para garantir a seguridade nunha das sendas máis percorridas de toda a localidade.

 

O importe dos investimentos ascende a 43.628,97 €, dos cales a Axencia de Turismo de Galiza achegará 28.358,83 €, mentres que o Concello de Cabanas asumirá os 15.270,14 € restantes.

Institucional

Publica o teu comentario agora