Será un verán diferente

Será un verán diferente
18 de Xuño, 2020 - 11:46 h. | Publicada por Radio Fene

Corenta e sete nenos e nenas participarán no programa “Un verán diferente” do Concello de Fene, que se celebrará entre o 15 e o 31 de xullo nas instalacións do colexio Centieiras de Perlío. 

Ne segunda quincena de xullo

As persoas que realizaron a preinscrición deberán formalizar a matrícula a partir do 22 de xuño Finalizado o período de preinscrición para “Un verán diferente”, as Concellerías de Cultura e Deportes informan de que todas as persoas que se apuntaron foron admitidas para a quenda da segunda quincena de xullo, que se desenvolverá do 15 ao 31 do vindeiro mes. A segunda quincena do programa, prevista do 3 ao 20 de agosto, non se levará a cabo finalmente ao non acadarse o mínimo do cincuenta por cento das prazas ofertadas. Ademais, como consecuencia da supresión da quincena de agosto, o Concello de Fene acordou incrementar o número de prazas da quenda de xullo – pasando de 40 a 47- así como o de monitores á fronte da actividade, para garantir a ratio dun monitor ou monitora por cada sete rapaces que recomenda a Consellería de Política Social.

Matrícula definitiva

As familias xa poden proceder ao pago da cota correspondente que ascende a 34 € para o primeiro membro da unidade familiar e a 18 € a partir do segundo. O ingreso realizarase na conta de Abanca ES83 2080 0209 5931 1000 0012, indicando no concepto: “UN VERÁN DIFERENTE!’2020. Ademais, en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade. Unha vez realizado o pago, as persoas que realizaron a preinscrición deberán formalizar a matrícula, entre o 22 e o 30 de xuño, achegando a documentación especificada nas bases do programa: ficha de datos, ficha médica, informe médico (de ser preciso), declaración de autorizacións, fotografía, xustificante de pagamento da cota, copia da tarxeta sanitaria e declaración responsable a respecto da Covid-19. A achega de documentación realizarase preferentemente por vía telemática pero permitirase tamén a matriculación presencial con cita previa, solicitada previamente por teléfono, de luns a venres en horario de 8:00 a 14:00 h. A matriculación presencial poderá facerse os días 22, 23 e 25 de xuño e os días 26, 29 e 30 de xuño.

Respétanse as recomendacións sanitarias

Segundo informan as concellerías de Cultura e Deportes, o programa “Un verán diferente” axústase ao disposto na Resolución do 12 de xuño de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e ás “Recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19” da Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Participación e Voluntariado. Nos vindeiros días publicarase na páxina web do Concello de Fene o protocolo específico de “Un verán diferente” que, xunto coas medidas hixiénico-sanitarias previstas, se explicará detalladamente na reunión programada coas familias para o luns 13 de xullo, ás 20:00 h, no salón de plenos da Casa do Concello.

Cultura

Publica o teu comentario agora