A serpe que se bañaba no Belelle

De como a serpe que comía nenos quedou atrapada no pozo da serpe.
22 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Pola canle do Belelle camiñamos hoxe coa técnica de Turismo Estefanía Purriños e o montañeiro Xosé Seco. A riqueza natural e cultural da zona é tan grande que hai que coñecela. O outono é bo momento para acudir á fervenza do Belelle e ao Coto do Rei.

ESCOITA O PODCAST:

No cumio do Coto do Rei hai unha ampla zona cha baixo a que se agocha un acuífero inmenso. Daí que ao redor do monte broten cantidade de fontes e mananciais. “Sería interesante deseñar unha ruta das fontes e dos mananciais en Fene” propón o experto montañeiro Xosé Seco, convidado xunto á técnica de Turismo, Estefanía Purriños, a falarnos hoxe do río Belelle e en particular da súa fervenza, ou fervenzas, porque hai máis de unha.

A fervenza do Belelle ten unha caída de 45 metros, por iso é un dos recunchos máis atractivos de ver, quizás mellor na primavera e outono porque o río leva moita auga e o acceso é máis doado para as persoas. Estefanía fala de todo o que se creou ao longo da canle fluvial que nace na Capela e desemboca en San Nicolás de Neda. Cita a fábrica da luz que data de 1889, a fábrica de papel (muiño de Taxonera) e a fábrica de tecidos (Pazo de Isabel II). Xosé Seco lévanos por lugares do río que son máis descoñecidos para a maioría; unha fraga pequena pero preciosa, o lugar que se chama “Rio cuberto” en Cabalar, onde o rio desaparece entre unhas penas ata que a auga volve agromar 200 metros despois.

A última revelación, mais sorprendente, fala dunha segunda fervenza no Belelle, mais arriba que a que coñecemos. Denominase Pozo negro ou Pozo da serpe. “Un lugar de lenda que a mín lémbrame as películas de Tarzán” afirma Xosé Seco antes de contarnos a lenda da serpe que comía bichos e tamén algún neno. Sitúanos no Alto da serra. A serpe vivía no rio Eume pero viña bañarse ao Belelle. Os veciños construíron unha grella con pinchos coa intención de cazala. Somerxírona no pozo e efectivamente a serpe quedou ensartada e morreu. “O seu sangue correu río abaixo tinguindo a auga de roxo, daí o nome do Roxal” explica Seco.

Estefanía Purriños guíanos desde a partida en Sillobre, pola riqueza patrimonial na que inclúe a igrexa barroca de Santa Mariña e o seu retablo; a fonte de San Ramón de dous canos; a casa de Buio, un bo exemplo de arquitectura popular. Aínda a ponte medieval ou a casa da Ribeira do século XV. En Marraxón repara no campo de petroglifos cunhas vinte mámoas rexistradas. Todo o esforzo da subida dos 365 metros que ten de altura, queda saldado no miradoiro do Coto do rei onde se atopan os bancos máis duros do mundo e desde onte visionamos, afirma Seco, a serra da Capelada, a Faladoira, Ferrol, as rías e mesmo a torre de Hércules.

Cultura

Publica o teu comentario agora