Serxio Pazos, Manuel Manquiña e Luís Zahera, protagonistas dunha "noite de retranca" en Narón

Serxio Pazos, Manuel Manquiña e Luís Zahera, protagonistas dunha "noite de retranca" en Narón

16 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os actores Serxio Pazos, Manuel Manquiña e Luís Zahera suben este sábado ao escenario do Pazo da Cultura de Narón para presentar as súas “Noites de retranca”. Trátase dun espectáculo cómico e único onde prima a liberdade interpretativa de cada un dos protagonista e tamén a interacción co público.

“O único monólogo que eu fixera na miña vida fora para criticar precisamente aos monólogos”, afirma Serxio Pazos, un dos protagonistas de Noites de Retranca. Con este espectáculo, o actor galego entra de cheo nun xénero que ate o de agora nunca probara pero no que afirma sentirse moi cómodo.

“Noites de retranca” naceu dunha proposta dos irmáns Segret, responsables da productora Robabiero, e supón -en palabras de Serxio Pazos- “unha adaptación dun xénero que triunfa ao espírito e estilo propio dos galegos”. De feito, segundo avanzou a Radiofusión, na súa intervención de mañá en Narón, Pazos tentará explicar, con moita retranca, por qué somos distintos os galegos.

Ademais de Serxio Pazos, tamén actuarán o sábado en Narón, o popular Manuel Manquiña e o actor Luís Zahera, que volve ao Pazo da Cultura onde recibiu este xoves o premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto, polo seu papel en Celda 211.

“Noites de retranca” comezará ás oito do serán. O prezo das entradas ascende a 15 euros (10,50 euros para os abonados).

Sociedade