Sito Sedes. Grazas

Sito Sedes amosouse moi agradecido pola homenaxe de Sillobre, a primeira da súa vida
04 de Outubro, 2018 - 12:15 h. | Publicada por Radio Fene

Un pau e unha mazá chantada nel, primeiro micro de Sito Sedes imitando aos cantantes das orquestras que viñan tocar ao San Ramón.

ESCOITA O PODCAST:

A presencia de Sito Sedes esta mañá na casa do concello de Fene achégounos máis á persoa que á lenda do cantante. O domingo volverá, pero ao adro da igrexa de Santa Mariña de Sillobre onde os veciños e veciñas lle farán un recoñecemento á súa carreira musical e onde recibirá a homenaxe do concello de Fene. Nese lugar Sito foi feliz na súa infancia escoitando ás orquestras nas festas de San Ramón. Sabemos que aí estarán Los Satélites pero non sabiamos que o domingo virán a Sillobre, entre outros, Carlos Blanco, Xurxo Souto ou Antón Reixa. Sito non durme ben desde que lle anunciaron a homenaxe, por certo a primeira que lle fan na súa vida. O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, o concelleiro de Turismo, Juan José Franco e o presidente da AVV de Sillobre, José Novo, falaron da valía do cantante e do orgullo e honor de ter un fillo como el.

Sito Sedes e Sillobre

O seu pai veu traballar a Astano cando Sito tiña catro anos. Instaláronse no lugar de Pedre e alí quedou ata cumplir os 16. O adro de Santa Mariña tráelle moitos recordos porque alí xogaban á peonza, pero sobre todo lembra as orquestras que tocaban no San Ramón. Sito fixábase no cantante e ao día seguinte chantaba un pau na horta, espetáballe enriba unha mazá e xa tiña micrófono para cantar, cos amigos detrás tocando cadanseu instrumento. Sendo un mociño chegoulle a primeira oportunidade profesional.

4 LPs, un disco de ouro e 14 anos con Los Satélites é o resumo do palmarés de Sito Sedes que segue cantando cada día e gravando aínda discos. A mediados de novembro gravará un disco de boleros e chachachás. Esta mañá amosouse emocionado e agradecido co concello de Fene e con Sillobre pola festa que lle brindan o domingo día 7 na que se agarda moita concurrencia.

Institucional

Publica o teu comentario agora