A Sociedad Geográfica Española premia ao galego Santiago del Valle por atopar a “cidade perdida dos incas”

A Sociedad Geográfica Española premia ao galego Santiago del Valle por atopar a “cidade perdida dos incas”

24 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O xornalista e historiador galego Santiago del Valle vén de ser galardoado pola Sociedad Geográfica Española co premio Viaxe do ano. Recibe este recoñecemento por ter liderado a expedición Tras os pasos de Vilcabamba la Grande, na que descubriu a capital perdida do último reino inca.

Investigadores e expedicionarios de distintos lugares do mundo perseguiron durante máis de século e medio a localización de Vilcabamba la Grande. Traballan guiados pola importancia histórica desta cidade inca desde a que se liderou un movemento de insurxencia contra a dominación española e atraídos polo seus mitos e simbolismo. O galego Santiago de Valle foi o que, ao fin, atopou as ruínas da mítica capital perdida, a uns 80 quilómetros ao oeste de Machu Picchu.

A investigación comezou seguindo os pasos do cronista galego do século XVI Juan Díez de Betanzos e recompilando numerosa documentación de arquivos e museos. Del Valle desenvolveu unha decena de expedicións na zona, marcadas pola dureza do terreo. A última delas, realizada en 2008, permitiu precisar a ubicación exacta de Vilcabamba la Grande e abrir o camiño para a reconstrución da súa estrutura orixinal. O seu obxectivo agora é iniciar unha prospección máis ambiciosa que permita sacar á luz moitos dos restos arqueolóxicos soterrados baixo a vexetación. Así as cousas, o historiador galego agarda que para o vindeiro ano se poida abrir este espazo para as visitas de expedicionarios.

Santiago del Valle declarouse nos micrófonos de Radiofusión “moi satisfeito” polo premio da Sociedade Geográfica Española, un recoñecemento que recollerá o vindeiro martes día 31. Entre os galardoados atópase tamén o antropólogo Claude Lèvi-Strauss, co que o galego considerada “toda unha hora” coincidir.

Sociedade