Soldados forzosos de Franco

Soldados forzosos de Franco
22 de Xullo, 2020 - 11:37 h. | Publicada por Radio Fene

O Exército franquista formouse sobre todo por recrutamento forzoso e non como resultado da mobilización cidadá. A participación nas súas filas non implica adhesión ideolóxica nin colaboración, defende o historiador Leira Castiñeira no libro "Soldados de Franco".

ESCOITA O PODCAST:

“Caidos por Dios y por España”. Así reza unha placa colocada aínda hoxe no interior da igrexa castrense de San Francisco en Ferrol. Alude aos soldados do Exército sublevado o 18 de xullo de 1936 mortos na guerra. Falamos deses soldados co historiador Francisco Leira Castiñeira, autor do libro “ Soldados de Franco: Reclutamento forzoso, experiencia de guerra e desmovilización militar” que se presenta esta tarde na Fundaçón Artabria de Ferrol, no marco da saída do n.º 2 da revista de historia Mazarelos.

En “Soldados de Franco”, Leira ven demostrar que aqueles homes que loitaron no “bando nacional” non saíron ás rúas victoriosos, contentos, co fusil na man detrás do ideal franquista, detrás dos golpistas, como nos fixeron crer. Moi ao contrario, o reclutamento dos soldados foi un reclutamento forzoso. Aqueles soldados collidos á forza eran xentes de toda clase e condición, mesmo hai moitos casos de persoas de esquerdas que se alistaron co exercito de Franco para escapar da represión nas súas localidades ou para salvar ás súas familias das represalias e da morte. Algúns rebeláronse e fuxiron, escondéronse, autolesionáronse...De todo iso fala Francisco Leira en “Soldados de Franco”. En palabras do profesor Leira, "Galicia comportouse igual que outras zonas, a pesar da frase do réxime que decía: Galicia. A nova Covadonga”.

O Exército franquista formouse sobre todo por recrutamento forzoso e non como resultado da mobilización cidadá. E nin a participación nas súas filas implica adhesión ideolóxica nin a colaboración co mesmo revela lealdade sociolóxica. Todo é máis complexo. Así o defende o historiador Francisco J. Leira, autor de Soldados de Franco. Traballos como o de Leira Castiñeira descúbrennos a historia como foi, non como nola contaron. Percibimos canto se leva falado do franquismo e canto queda por descubrir, ou máis ben por desmentir.

Francisco J. Leira Castiñeira (A Coruña, 1987) contratado posdoctoral da USC. É doutor en Historia pola Unversidade de Santiago de Compostela. Doutorouse coa tese: A socialización dos soldados do exército sublevado (1936-1945). O seu papel na consolidación do Réxime franquista. É máster interuniversitario en Historia Contemporánea pola mesma universidade e máster en Ciencias Documentais no entorno dixital pola Universidade da Coruña. É editor da Revista Universitaria en Historia Militar.

(Imaxe que ilustra o libro de Leira)

Cultura

Publica o teu comentario agora