Somerxerse de cheo no universo rosaliano

Somerxerse de cheo no universo rosaliano
07 de Decembro, 2018 - 11:47 h. | Publicada por Radio Fene

En 1853 a fábrica de tecidos do Seixo en Mugardos vivía un momento doce.. A produción e as vendas medraban e a festa do Seixo celebrábase por todo o alto no lugar da Fraga. Era unha das grandes romarías de Galicia. Rosalía de Castro adicaralle a eses festexos un dos poemas incluídos no libro “Cantares Gallegos”. Arredor deses versos xira a obra teatral “Rosalía, poeta na beira do mar”, que se estreou o seis de decembro de 2018 na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega.

O Seixo. Mugardos. 6 de decembro de 2018

O texto escrito por Eugenia Sanmartín recolle costumes afianzadas no pobo galego hai 165 anos. O espectáculo, dirixido pola autora,  reflexa nitidamente o ambiente dunha romaría festiva e ao mesmo tempo recolle a esencia do pensamento de Rosalía de Castro. Ä beira das clases máis desfavorecidas, das mulleres, da lingua, da cultura e da nación galega. Vese tamén un coidado traballo na escenografía e no impecable labor de actores e actrices do grupo Teruca Bouza.
A estrea contou cun cheo absoluto. Na escena vemos á Nosa Señora detrás do tonel, unha especie de “altar laico” ao que sobe Rosalía co pano de fondo da reprodución dun cadro de Bello Piñeiro coa vista do lago e da fábrica de tecidos. Ver a función é somerxerse de cheo no universo rosaliano, no equilibro entre a reivindicación e a poesía. A interpretación vai tomando forza, segundo avanza a trama e consigue que a reclamación do papel da muller traspase a cuarta parede. Teruca Bouza logra transportar os nosos corazóns a un lugar incómodo e áspero. Non é unha historia de amor, pero podería selo. A obra fai rir e reflexionar, transportarte, sentirte libre. Por iso, parece brutal o poder que pode chegar a ter o teatro.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora