Son poeta e penso adicarme so a iso

Carvalho Calero publicou once poemarios
18 de Setembro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero confesou en máis dunha ocasión que a súa vocación literaria foi sempre a poesía. O lingüista e estudoso do escritor ferrolán, Martinho Montero, fálanos dos seus pasos poéticos condensados en once obras.

ESCOITA O PODCAST:

“O máis íntimo da miña personalidade está reflexado na miña poesía” As palabras de Ricardo Carvalho Calero son toda unha manifestación da súa vontade. “Considerábase ante todo un poeta. Esa foi a súa ilusión xa desde a mocidade” segundo o seu estudoso Martinho Montero Santalha quen acude a unha carta do ferrolán a Filgueira Valverde, datada en 1936, cando este último preparaba unha antoloxía da poesía galega. Carvalho escrébelle: “Son poeta e no futuro penso adicarme so a iso”.

A pesar de que Carvalho Calero pasou á historia da literatura galega como ensaísta e mesmo dramaturgo, acabou publicando once libros de poesía. Martinho Montero non quere clasificalos pero recoñece que nos dous primeiros en castelán nótase a influencia da poética modernista de Rubén Darío, pero en xeral foi sempre bastante independente. Afirma Montero que sempre o acompañou a máxima filosófica de Ortega y Gasset, “a poesía é a suprema álxebra das metáforas”.

Poesía en galego

“Aquí nótase un aspecto máis persoal, de liberación” afirma o lingüista. “El dicía que facía poesía para si mesmo, como unha catarse” e decántase por “Reticencias”, publicado en 1990, como posiblemente o seu mellor poemario. “É o máis maduro, o máis auténtico” quizás porque son os últimos poemas, escritos cando xa estaba enfermo. En “Cantigas de amigo”, o penúltimo, Carvalho Calero pon os poemas en boca das mulleres, desde unha perspectiva moderna. Mesmo mete personaxes femininos que soan nese momento. O sentido da existencia está presente sempre na súa obra poética. “Mesmo os poemas aparentemente máis banais, conteñen unha reflexión máis profunda, como en Rosalía” afirma Martinho Montero.

Cultura

Publica o teu comentario agora