Soneira arremete contra Feijóo pola supresión das axudas ás mariscadoras maiores de 65 anos

Soneira arremete contra Feijóo pola supresión das axudas ás mariscadoras maiores de 65 anos

26 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou esta mañá que rexistrou unha interpelación na Cámara Autonómica para reclamar explicacións pola supresión das axudas ás mariscadoras de mais de 65 anos. Di que Feijoo cébase unha vez mais cos mais débiles coa supresión desta axuda.Afirma que a Xunta pretende amañar o seu orzamento a conta das mariscadoras.

A deputada socialista lembra. na iniciativa rexistrada, que existen moitas mulleres que exercendo o marisqueo a pé toda a súa vida, non foron capaces de completar o período mínimo de cotización a Seguridade Social (Réxime Especial do Mar) para ter dereito a unha pensión contributiva ao cumprir os 65 anos. 

Soneira sinala que a normativa en vigor establece que estas mulleres cesen na súa actividade o mesmo día en que cumpran os 65 anos de idade pasando, se teñen os anos suficientes de cotización, a demandar unha pensión de xubilación. Relata que para aquelas traballadoras que non teñan anos suficientes cotizados que dean dereito a ela, a antiga Consellería do Mar e o Ministerio de Traballo buscaron fórmulas que permitisen a estas mulleres seguir cotizando para completar o período esixido e non perder os anos cotizados ate ese momento.

Así as cousas advirte que a Comunidade Autónoma comprometeuse a establecer axudas para estas persoas que, sen ven imposibilitadas para exercer a súa profesión e polo tanto non obteñen ingresos, e ao mesmo tempo vense na obriga de cotizar uns anos máis para xerar o dereito a percibir unha pensión contributiva da Seguridade Social. 

Soneira explica que o criterio, ata o de agora, foi establecer a convocatoria de axudas de xeito que se subvencionaba a cota á Seguridade Social e unha modesta renda de subsistencia xa que a Administración non lle renova o Permex que habilita para traballar na súa profesión o ter cumpridos os 65 anos. Esta política foi aplicada polo Goberno bipartito, e polo actual na convocatoria para o ano que acaba de rematar, establecendo dous criterios: Módulo a) importe mensual igual ao correspondente á pensión mínima de xubilación para maiores de 65, sen cónxuxe a cargo, e Módulo b) importe igual ao da cota dun convenio especial específico. 

Por iso lamenta a actuación da Consellería do Mar neste asunto. Xa que acaba de facer publica a convocatoria de axudas para este ano onde, de xeito sorpresivo, establece como importe da axuda a mesma cantidade do convenio especial que a mariscadora debe subscribir coa Seguridade Social, e establecendo como tope máximo 350 euros por mariscadora e mes. 

A portavoz socialista afirma que “sorprende este recorte”, xa que estas persoas non poden obter ingresos por outra vía. Advirte que o custo da medida aconselle semellante recorte “xa que este é un colectivo pequeno que cada ano, previsiblemente, irá a menos o ser un problema que afecta as mariscadoras mais veteranas e non as que se foron incorporando a actividade en tempos mais recentes”, resumiu. 

Soneira reclama coñecer: 

1.ª) Cantas mariscadoras se acolleron cada ano, no período de vixencia da orde á que fai referencia esta iniciativa, e cal foi o gasto ocasionado ao erario autonómico en cada un deles? 

2.ª) Dos datos de que dispón a Xunta de Galicia, o número de persoas que se acollen a esta orde, previsiblemente, tende a incrementarse, manterse ou a diminuír? 

3.ª) Por que a Consellería do Mar ten tomado a decisión de subvencionar, exclusivamente, o custe do convenio coa Seguridade Social destas persoas, sen ter en conta outros aspectos que emanan da súa situación sociolaboral? 

4.ª) Canto vai aforrar a Xunta de Galicia con este recorte? Que porcentaxe significa nas contas da Consellería do Mar e dos orzamentos da Comunidade Autónoma?

Institucional