Sororidade e reivindicación

Sororidade e reivindicación
10 de Marzo, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene comprometeuse no marco do Dia Internacional da Muller a fomentar os plans de conciliación e os modelos alternativos de coidados, aumentar gradualmente a partida de orzamentos adicada a políticas de igualdade e continuar coa implementación de accións en Educación primaria e secundaria.Fíxoo no marco dunha declaración institucional á que se deu lectura no programa que Radio Fene emitiu o pasado venres en directo desde o salón de sesións da Casa do Concello de Fene. Unha iniciativa da concellería de Benestar conducida por Elvira Álvarez.

Programa de Radio Fene no salón de sesións da Casa do Concello de Fene

“Nin princesas, nin escravas”. Baixo este lema, a área de igualdade do Concello de Fene organizou unha xornada de actividades para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Un día no que en Fene as mulleres ergueron a súa voz, unidas para reivindicar uns dereitos e avances en políticas de igualdade “que non poden agardar máis”.

Durante hora e media, unha vintena de mulleres de Fene pasaron polos micrófonos dun programa especial de Radio Fene no que houbo espazo para a opinión, as reflexións e a reivindicación, pero sobre todo para a sororidade. A través de varios bloques temáticos abordáronse temas como o papel da muller no tecido asociativo, con representantes das diferentes entidades veciñais; na educación, coa participación das ANPAs, unha profesora e unha estudante; e as violencias contra a muller, no que falou unha vítima de violencia de xénero, unha policía, unha usuaria do programa de defensa persoal posto en marcha polo Concello e unha representante da Marcha Mundial das Mulleres.

No decorrer do programa, e dun xeito transversal, tamén foron xurdindo outras temáticas, como as diferenzas salariais e de oportunidades no marco laboral, ou o papel que xogan as redes sociais na banalización da violencia contra a muller. Ao remate do mesmo, a concelleira de igualdade, Sandra Permuy -que tamén participou no programa-, agradeceu ás participantes “a súa disposición a colaborar” e comprometeuse con elas “a seguir loitando, escoitando e axudando para avanzar até conseguirmos a igualdade real”.

“O 8M non debe quedar nunha conmemoración dun día para cubrir expediente, é preciso reivindicalo os 365 días do ano, facendo que as políticas de igualdade estean presentes en todas as áreas” salientou Permuy, quen reclamou “unha maior consignación nos orzamentos da Xunta e do Estado que permita aos concellos desenvolver iniciativas no camiño de rematar coa discriminación de xénero”.

Precisamente co obxectivo de facer que a igualdade estea presente no día a día da vida municipal de Fene, o Concello inaugurou o espazo “Sementando Igualdade”, nun entorno recuperado no lateral da Casa Consistorial.

Mural pola igualdade, Photocall e accións de impacto nos centros educativos

O Concello de Fene tamén realizou para este 8M -nas inmediacións do Museo do Humor- o “Mural pola igualdade, obra do artista urbano Ito Mosquera. Unha peza artística que combina unha parede vertical cunhas escaleiras para completar a obra con versos de Rosalía de Castro: “Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.

Ademais, na entrada do Concello instalouse un photocall e distribuíronse pulseiras co lema da campaña; e nos centros educativos, a sede de Servizos Sociais e a propia Casa Consistorial colocáronse montaxes con globos de gran impacto para lembrar a importancia deste día reivindicativo do feminismo.

Declaración institucional do pleno

Os diferentes grupos políticos representados no pleno municipal, acordaron -na sesión plenaria do pasado xoves á tarde- unha declaración institucional de apoio ás reivindicacións e convocatorias dos colectivos feministas con motivo do 8M. Un feminismo galego autoorganizado que neste 2024 sinala os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade, e que coloca novamente no centro do debate político e social as consecuencias, para as mulleres galegas, do sistema económico, social e político, agravadas pola crise de prezos.

O Concello de Fene esíxelle nesta declaración institucional ao novo Goberno da Xunta medidas urxentes para avanzar en igualdade, entre elas a aposta pola igualdade no ensino, o impulso dunha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas ou o impulso dunha Lei de Igualdade no Deporte. Tamén se dirixe ao Goberno do Estado para reclamar que se incrementen os fondos do “Plan Corresponsables”, co obxectivo de chegar á maior poboación posíbel.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora