A sorpresa da xornada

A sorpresa da xornada
16 de Setembro, 2019 - 12:38 h. | Publicada por Radio Fene

A sorpresa da primeira xornada da Segunda Galicia de fútbol  saltou no campo do Ramo de Barallobre. O Pote debutaba na Liga, recollendo os xogadores que o ano pasado defenderon as cores do Maniños B, e non puido empezar con mellor pé. Venceu por 2-4 no primeiro partido da competición.

ESCOITA O PODCAST:
O Pote. Segunda Galicia de fútbol.

Empezar gañando nun grupo complicado enche de moral aos xogadores e ao equipo técnico, segundo o adestrador do Pote Manuel Freire. “Antes do descanso  puideron lograr máis vantaxe” afirma o técnico. Freire resume que fixeron un partido bastante serio xa na primeira parte. Na súa opinión un dos goles do Barallobre chegou dun córner que non era. Pola súa banda, o adestrador do Barallobre óscar Varela, indica que o equipo do Ramo “regalou dous goles con dous fallos na defensa”. Na súa opinión o partido foi igualado, aínda que louba ao equipo rival.”Son xogadores novos, que non dan un balón por perdido, batallan e disputan todo”. “Falta rodaxe, integración e adaptación á categoría” conclúe Varela.                                                                                                                     

En Maniños, futbolistas.

                                                                                                                
Os dous equipos de Maniños, Cultural Maniños e O Pote, encabezan a clasificación do grupo 3ª da Segunda Galicia de fútbol  Unha parroquia de só 1.338 habitantes, gábase de contar con dúas formacións nesta categoría. Na pasada tempada, O Pote era o equipo filial do Cultural Maniños que disputaba a Primeira Galicia. Como o conxunto descendeu e a normativa impide que dous equipos da mesma entidade xoguen nunha única categoría, o Maniños B recorreu á outra entidade da parroquia, a Asociación Cultural, Recreativa e Deportiva O Pote, para defender as súas cores. Houbo acordo e a harmonía continúa en Maniños. Só vai unha xornada disputada, pero a parroquia pode sentir fachenda de encabezar polo momento e por partida doble a clasificación.

Deportes

Publica o teu comentario agora