Sotavento cumpre a súa terceira semana dos “European Solar days”

Sotavento cumpre a súa terceira semana dos “European Solar days”

13 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Sotavento Galicia participará, por terceiro ano consecutivo, nos “European Solar Days” que se celebran do 17 ao 23 de maio e no que se organizan de xeito simultáneo máis de 7.000 eventos en 16 países europeos.

Sotavento dirixirá as súas actividades a un amplo rango de idades e colectivos,  destacando como principal novidade a posibilidade de visitar as xa case rematadas obras da vivenda bioclimática demostrativa construída no parque eólico xermadino.

Deste xeito, e durante toda a Semana Solar Europea 2010, a programación das visitas ás instalacións do Parque irá encamiñada a coñecer mellor esa forma alternativa de obter enerxía a partir dun recurso limpo e inesgotable como é o Sol. Como último día do evento, o domingo 23, celebrarase unha xornada de portas abertas no Parque, onde calquera que o desexe poderá achegarse ás instalacións e coñecer novas formas de aproveitamento solar activas e pasivas (muro Trombe, solar térmica, solar fotovoltaica, etc.). Ademais está programada visitas unha degustación - demostración das posibilidades dunha cociña solar parabólica, cedida pola Fundación Terra, onde se elaborará chocolate solar feito con leite ecolóxica President.

Dar coñecemento da enerxía solar

O obxectivo principal deste evento é dar a coñecer a enerxía solar mediante a súa difusión nos medios de comunicación, estimulando deste xeito a conciencia pública sobre a importancia do uso da mesma. Para isto celebraranse multitude de eventos en diferentes países, como xornadas de portas abertas, festas solares, conferencias, visitas guiadas, exposicións, etc.
Desde Sotavento infórmase que para poder participar nestas xornadas é necesario xestionar a visita con antelación nos teléfonos 981 563777, para os días laborais ou 981 441020, para os non laborais.

Institucional