Sotavento ensina a conducir ben a mais de 600 persoas

Sotavento ensina a conducir ben a mais de 600 persoas

04 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Mais de 600 condutores xa están capacitados para conducir de xeito eficiente gracias aos cursos de condución organizados por Sotavento na provincia de Lugo. Este foi o balanzo de participación realizado pola Fundación eólica desde que en decembro comezase esta formación dirixida a todos os automobilistas lucenses. A media de idade dos alumnos roldou os 40 anos, e a metade das participantes foron mulleres.

Tras efectuar unha análise dos datos obtidos nesta iniciativa, Sotavento destaca que o aforro de combustible medio superou o 15% (0,96 l/100 qm.) se se mide en relación ás conducións habituais dos participantes. Outro dato positivo foi que a redución media do tempo empregado no mesmo percorrido foi de mais de un minuto.

 

A raíz destas cifras, a fundación chegou á conclusión de que, se todos os galegos conducisen desta maneira, se aforraría un total de 181,4 millóns de euros de combustible anual, ademais de evitar a emisión de medio millón de toneladas de CO2 ao ano, o que significaría o 1,4% das emisións anuais en toda a comunidade autónoma.

O curso, que se desenvolveu nos concellos de Guitiriz, Xermade, Burela, Lugo, Foz, Ribadeo, Monforte, Begonte e Ourol, contou con monitores expertos que aplicaron técnicas de aproveitamento da eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos tiveron a posibilidade de comparar a influencia desta forma de conducir no consumo mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica.

Estes cursos estaban enmarcados nas medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do INEGA. O obxectivo era chegar a un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias, de cara a un aproveitamento máis eficiente dos recursos naturais e a consecuente redución na emisión de gases contaminantes.

Sociedade