Super campións de dúas rodas motrices

Super campións de dúas rodas motrices
16 de Decembro, 2019 - 10:07 h. | Publicada por Radio Fene

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro reciben o seu premio como Supercampións de España de duas Rodas Motrices. A Gala da Federación Española desenvolveuse en Madrid o pasado venres 13

Edgar Vigo e Fátima Ameneiro

Édgar Vigo e Fátima Ameneiro xa son oficialmente os primeiros supercampións de España de dúas  Rodas Motrices da historia. O pasado venres recibían, de mans da Federación Española de Automobilismo, o trofeo que os fai entrar na historia do automobilismo español na primeira edición do Supercampeonato de España de Rallyes. A Gala do automobilismo español, tivo lugar no salón de actos de Kinépolis na cidade da imaxe de Madrid. Con este premio, a tempada 2019 tocou ao seu fin cunha xusta recompensa para o equipo.

“Estar aquí é o froito do traballo de todo un ano e polo que loitamos desde que comeza a forxarse cada tempada. Non hai nada mellor que levar para casa outro premio que recoñece ese traballo de todo o ano” afirmou Fátima Ameneiro.

“Foi un ano moi difícil e no que sufrimos moito para a obtención deste resultado. A verdade que cada ano que pasa, demostramos que a nosa experiencia vai aumentando as nosas posibilidades de éxito e este ano é a mellor demostración. Pómonos  xa a traballar de cara a 2020, un ano que pode significar un cambio radical nas nosas formulacións para ser quen de estar na saída do Rallye Dakar 2021” indicou Édgar Vigo.

Deportes

Publica o teu comentario agora