Tanxugueiras, cantareiras extrovertidas e orixinais

Tanxugueiras, cantareiras extrovertidas e orixinais

14 de Decembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Son tres cantareiras extrovertidas, orixinais e cunhas voces espectaculares procedentes da zona de Teo e do Barbanza. Chámanse Sabela, Olaia e Aida e aló por xaneiro de 2016 decidíronse a constituír oficialmente o grupo unidas polo pracer de cantar e tocar a música da nosa terra e de recoller o herdado das nosas avoas. Algún tempo despois, aumentaron a familia creando un espectáculo xunto a Cibrán Seixo (violín) e Rubén Ferná

Santiago de Compostela recibe o Nadal cun gran baile da man de Oîma e Tanxugueiras o xoves 22 a partir das nove e media da noite na Sala Malatesta. As entradas poderán adquirirse na sala o propio día do concerto e con anterioridade nos establecementos colaboradores: Trisquel Artesanía, A Casa das Crechas ou O Dezaseis.

Con motivo das festas de Nadal e co obxectivo de potenciar e facer partícipe á comunidade compostelá do espírito da música tradicional, celebrarase este evento amenizado pola música de dous dos grupos emerxentes con máis proxección que hai agora mesmo no panorama musical galego e que ademais xurdiron na comarca de Compostela: Oîma e Tanxugueiras.

A música das dúas formacións soará na Malatesta a partir das 22h en punto para que toda persoa que asista poida bailar, escoitar e pasalo ben. É un evento aberto a todo tipo de público, onde ninguén se sentirá excluído saiba ou non saiba bailar as nosas danzas tradicionais.

As entradas teñen un custo de 5€ e xa están á venda.

O evento conta coa colaboración de Seispés Producións Creativas, Trisquel Artesanía, Concello de Santiago, A Casa das Crechas e O Dezaseis.

OÎMA

Oîma pode ouvirse no solpor, cando chegamos á casa e precisamos un fío musical que nos acompañe mentres tiramos os zapatos e facemos parte da vida cotiá. Pode escoitarse, se cadra, antes de chegar á casa, sentados/as en calquera bar de ambiente acolledor, ou incluso nun espazo máis solemne que nos ofreza tranquilidade. Fóra ou dentro de toda casa, de todo bar, de todo espazo, Oîma pode ser simplemente o ritmo que pilota os nosos corpos ao bailar: bailar en círculo, en parellas, xuntos/as o por separado; percorrendo ao compás o país galego e saltando alén del ao son da tradición europea.

Santiago de Compostela é unha cidade onde, cada quen coa súa orixe, converxen moitas persoas interesadas na música, con especial énfase no ámbito tradicional. As festas, os bares e as foliadas son a base de numerosos conxuntos, que unhas veces resultan anecdóticos e outras derivan en proxectos máis serios. Tal é o caso de Oîma, onde unha violinista, un acordeonista e unha clarinetista que xa tiñan compartido melodías noutras agrupacións decidiron no verán do 2015 poñer en marcha un grupo onde mesturan a súa tradición con outras coas que foron entrando en contacto. Nel, ademais, incorporan a unha bailadora de raíz que serve de guía na dimensión participativa que alcanzan os seus concertos.

Tres instrumentos coas súas diferentes posibilidades e tres instrumentistas coas súas diferentes experiencias conflúen nunha proposta musical concibida tanto para escoitar como para bailar. Combinando acordeón diatónico, violín e clarinete, ligan a tradición galega coas doutras latitudes. Así, partindo dos nosos ritmos (muiñeira, xota, maneo, pasodobre, rumba) chegamos ata os doutros lugares de Europa e do mundo (tango, bourrée, círculo circasiano, chapeloise, an dro, forró, rachenitsa, mazurca)..

TANXUGUEIRAS

Ninguén que escoite a Tanxugueiras pode quedar indiferente ante o furacán de enerxía que crean nos seus concertos. Fan sentir toda a forza do tradicional.

Sociedade