Teatro e pandemia non poden coexistir

Teatro e pandemia non poden coexistir
17 de Abril, 2020 - 11:13 h. | Publicada por Radio Fene

O técnico en xestión teatral, Francisco Oti Ríos, sentencia que o teatro non pode convivir coa pandemia. Defende que o teatro precisa do contacto humano, por iso son necesarias medida urxentes para poder subsistir.

ESCOITA O PODCAST:

O teatro non pode existir coa pandemia

“O teatro sofre dun xeito moi acusado esta crise sanitaria porque precisa da concurrencia da xente para poder existir” Así de contundente se expresaba esta mañá o técnico en xestión teatral, Francisco Oti Ríos, autor do libro “O novo teatro galego en Perlío: O Teatro Círculo e Tagallo”.  A pandemia esixe distancia entre as persoas e iso é incompatible co teatro que é pura relación e cercanía entre os actores e o público, explica Oti. “É por iso, conclúe, que a xente do teatro necesita medidas urxentes para poder sobrevivir. Outras artes poden facelo pero o teatro non”.

Teatro Estudio

Francisco Oti facía estas declaración a propósito do noso convite a celebrar os 50 anos que se cumplen hoxe da representación de “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao no Teatro Xofre de Ferrol. Explica Oti que as Irmandades da Fala tiveron complicado calquera manifestación en galego na cidade departamental, así que calquera manifestación no noso idioma cobraba máis importancia. A peza de Castelao chegou a Ferrol no ano 70 pero no resto de Galicia, en Santiago ou na Coruña xa se representara no 1961. E iso que Ferrol sí tiña tradición teatral, afirma Francisco Oti, porque o antiguo coro Toxos e Froles facía “parrafeos” en galego. Recoméndanos Oti a lectura dun artigo de Xosé Torregrosa sobre a canteira teatral en Ferrol e a relevancia do grupo Teatro Estudio, por onde pasaron persoas que logo se adicarían definitivamente ao teatro como Luma Gómez ou Eduardo Alonso.

Castelao

Sobre Castelao, Oti considera que non era en sí un dramaturgo, sí un debuxante e un político extraordinario, pero “tiña o país na cabeza” e coñecía o significado e a importancia da cultura para Galicia.“Sabía que o teatro era necesario na construcción da nación”. Finalmente “Os vellos non deben de namorarse” estreouse en Bos Aires no ano 1941 a cargo do grupo teatral “Marujita Villanueva”. Maruxa Villanueva foi actriz e moitos anos despois sería a guardesa da Casa de Rosalía en Padrón. Maruxa Villanueva, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 os noventa e dous anos de idade despois de recibir varias homenaxes e a Medalla Castelao en 1991. A título póstumo outorgáronlle o Premio María Casares de teatro, pero esa é outra historia.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora